AJE Vigo achega a súa colaboración na edición conxunta de LaconNetwork e os Premios EGANET
martes, 29 de xaneiro do 2013
AJEVigo anunciou esta
semana a
súa colaboración activa no terceiro ano do evento LaconNetwork,
a cita informal dos profesionais galegos das novas tecnoloxías que
vai servir de colofón á cerimonia de entrega dos Premios EGANET que
se celebra (ámbolos eventos, un seguido do outro) este venres 1 de
febreiro en Santiago de Compostela, no Pazo de Congresos e
Exposicións (San Lázaro). O obxectivo de AJEVigo con esta
colaboración activa, unha vez máis, é comprometerse co
emprendemento en calquera das súas facetas, sendo a faceta TIC
especialmente frutífera en posibilidades e potencialidades. No caso
do evento duplo que nos ocupa, os emprendedores e profesionais TIC
convocados son os tamén chamados laconeiros, xeito informal
de denominar aos seareiros dun evento xa de por si informal, o
LaconNetwork, e que
comparten cousas como a súa relación estreita coas TIC (persoal e
empresarial) e unha afección a reunírense de xeito espontáneo para
debater sobre o sector e intercambiar experiencias.
Segundo nos recorda
AJEVigo, calcúlase que o venres congregaranse en Santiago máis de
300 persoas, “que ademais de escoitar os relatorios nos que se
exporán fórmulas que axuden aos emprendedores TIC, tamén poderán
participar na entrega dos Premios EGANET, galardóns que procuran
recoñecer a calidade e o nivel das empresas de novas tecnoloxías en
Galicia, e ao que optan varias empresas asociadas de AJE”,
sinalan dende a entidade profesional.
Xa nun plano máis
concreto, e volvendo á contribución desta asociación ao evento
duplo, dicir que o apoio materializarase entre outras cousas coa
achega dun autobús de balde para os asociados que ten prevista a
saída da rúa Areal de Vigo, ás 9 da mañá, para facilitar o
traslado a Compostela. Á viaxe, por certo, están convidados tódolos
emprendedores vigueses que queiran acudir ao evento, malia non
estaren asociados (polo prezo de dez euros, ida e volta). Segundo nos
conta ao respecto Rubén Hermida, presidente de AJEVigo, “para a
asociación é moi importante que toda a xente que estea interesada
neste evento poida acudir; na asociación estamos
comprometidos en difundir a cultura do emprendemento na
nosa comunidade, e baixo ese enfoque apoiamos todas
aquelas iniciativas que procuren axudar a todos aqueles
que queiran pór en marcha un proxecto ou que xa estean nese proceso,
para que non estean sós nese reto”. Pola
súa banda, Paula López, fundadora e promotora de LaconNetwork,
explica que tras tres anos de reunións mensuais con máis de 300
emprendedores con proxectos en Galicia, esta edición de aniversario
está pensada desde a única perspectiva do emprendedor.
Como novidade este ano,
informar que todo o acto será retransmitido por streaming
desde teléfonos móbiles a través de múltiples web nacionais e
internacionais, “acadando así unha difusión moito maior
que calquera outro evento anterior, ao que cómpre engadir os
cinco mil seguidores directos que suma o Laconnetwork entre
redes sociais e outras canles”, informa AJE.