AJE Galicia trae a Vigo ao creador de Anuntis

mércores, 27 de novembro do 2013 Redacción

A Asociación de Novos Empresarios, AJE-Galicia, organiza este xoves 28 de novembro unha nova edición do seu ciclo de relatorios empresariais Tribuna de líderes coa presenza de David González Castro, cofundador de Anuntis. O convidado, segundo apunta AJE-Galicia “un dos pioneiros en apostar polo negocio online en España”, falará sobre a evolución das tendencias en Internet e as claves para ter éxito na posta en marcha dun negocio na Rede.
A organización tamén lembra que González Castro é un emprendedor que centra a súa actividade, principalmente, ao abeiro das novas tecnoloxías e Internet. Froito disto é a posta en marcha de Anuntis, compañía referente no eido da compravenda en liña, e máis a vertente brasileira de Infojobs. Por certo que boa parte desta experiencia foi envorcada polo propio González Castro no seu libro A Convicción, onde amosa a súa traxectoria como emprendedor e gran parte da historia de Anuntis, que naceu nunha portaría de Barcelona até converterse nun negocio 100% de internet. Sinalar que en xullo de 2013, David González saíu do accionariado de Anuntis para emprender de novo e fundar Rede Arbor, un grupo de investimento e incubadora de empresas tecnolóxicas. A charla do relator desenvolverase este 28 de novembro ás 19.00 horas na sede de AJE Galicia (Príncipe 53, 1º Oficinas 1-2) en Vigo.

PUBLICIDADE