AJE Galicia homenaxea á Fundación TIC

luns, 29 de febreiro do 2016 Redacción

A Asociación de Empresarios Novos de Galicia, AJE Galicia, vén de agradecer á Fundación TIC (Deputación de Lugo) o labor colaborativo despregado na quinta edición dos seus premios, que se resolveron e entregaron o pasado 4 de febreiro en Lugo e que recoñeceron, como lembraremos, a traxectoria impecábel de Redegal e SocialDrive. O agradecemento á Fundación TIC levouse a cabo durante a visita da presidente de AJE Galicia, Carmen José López, ás instalacións da entidade pertencente á Deputación de Lugo.
Cómpre recordar que o persoal da Fundación TIC encargouse da gravación íntegra da devandita gala (no Museo Interactivo da Historia de Lugo) e da realización dun vídeo homenaxe que se proxectou ao comezo do evento. Este material pode verse desde hai xa un par de semanas no perfil de Facebook de AJE Galicia e tamén na súa canle de YouTube.
Durante a visita, a presidenta de AJE Galicia e a xerente da Fundación TIC, Margarita Soilán Carbia, amosáronse “moi satisfeitas” cos resultados obtidos tras esta primeira colaboración. Ambas apostaron por repetir a curto-medio prazo “unha experiencia que axudou a pór o valor o papel dos empresarios en Galicia en beneficio da nosa sociedade e, ao mesmo tempo, o traballo que día a día se fai a Fundación TIC”, explicou Carmen José López.
A presidenta de AJE Galicia aproveitou tamén a ocasión para achegarse até o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo onde charlou co seis alumnas do centro que colaboraron no V Premio Novo Empresario de Galicia. Lucía Llano Núñez, Marta Rodríguez Otero, Carmen Villar Varela, Alessandra Ghisleni, Marta Losada Burgo e Ana Huerta Fernández, foron as encargadas de abrir e pechar a gala de entrega de premios celebrada no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) o pasado 4 de febreiro. O seis estudantes lucenses recibiron un trofeo como mostra de agradecemento. Aida Latorre, vicedirectora do Conservatorio, recibiu outro en nome do Xoán Montes.

PUBLICIDADE