AJE Galicia afianza a súa aposta polo networking coa participación na xornada Benvende

luns, 11 de xullo do 2011 Raquel Noya

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia) na súa teima por afondar no networking e fomentar o intercambio empresarial entre os seus integrantes, vai participar no programa que nesta liña organiza a Consellaría de Economía e Industria a través de BIC Galicia: Benvende.
A actividade, que terá lugar o vindeiro día 12 de xullo no Pazo dos Escudos en Vigo, ten como finalidade dar pé ao intercambio empresarial e ao fomento das relacións comerciais entre empresas con actividades complementarias do noso país, e trátase do primeiro dunha serie de encontros que terán lugar na nosa Comunidade.
Segundo apunta a presidenta de AGE Galicia, Patricia García, “o importante destes encontros é que abren un espazo para que os emprendedores poidan darse a coñecer como alternativa de negocios dentro do noso entorno empresarial, ao tempo que amplían a rede de contactos”.
Xa que logo, o programa Benvende (que supón o peche do programa formativo Sae ó mercado), ábrelle as súas portas a todo tipo de entidades e empresas do país interesadas en facilitar encontros ou intercambios comerciais produtivos para as partes integrantes, na mesma liña seguida na xornada de Networking organizada por AJE Galicia a finais de xuño.
Neste senso, a organización do evento prevé que no programa Benvende tamén participen empresas asociadas a EGANET (Empresas galegas dedicadas a Internet e ás novas tecnoloxías) e a outras asociacións da zona, de xeito que se unan esforzos e se creen sinerxías que favorezan o conxunto do tecido empresarial galego.
A dinámica desta xornada de negocios é similar ás anteriores: as persoas participantes presentarán as súas empresas en reunións de 15 minutos de duración, que poderán dar lugar a encontros individuais máis extensos no caso de que haxa interese por ambas partes.
A finalidade é, ao igual que na pasada xuntanza, activar a economía e o emprego na nosa Comunidade, a través de iniciativas postas en valor coa axuda de tódalas partes integrantes.

PUBLICIDADE