AGNIX celebra este sábado en Lugo o seu novo hacking-churrasco

xoves, 16 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Roberto Brenlla, fundador de AGNIX, no programa Bos Días da TVG

A asociación galega AGNIX, que centra o seu traballo na implantación e promoción do software libre na nosa terra, celebra o vindeiro sábado 18 unha nova xuntanza de integrantes, coincidindo coa celebración da festa romana Arde Lucus e co obxectivo de tratar polo miúdo e en conxunto diversos temas que afectan ao futuro do colectivo. O agnix-Lucus, así se presenta a reunión, desenvolverase nunha das salas de traballo do recentemente inaugurado Centro de Innovación Social – In Lugo a partir das 11.00 horas e co remate previsto para arredor das 13.00.
De seguido, e como é habitual nas asembleas da asociación galega desenvolverase un xantar de confraternización con arrecendo cen por cen galego: o hacking-churrasco, un tipo de celebración reivindicado por AGNIX onde se demostra ás claras que as churrascadas, ese piar da gastronomía social galega, comparte unha chea de elementos co deseño e creación de programas de estándares libres, feitos sobre a base do traballo colectivo e, sobre todo, para que logo se comparta. Xa pola tarde, está previsto que os integrantes de AGNIX tiren o máximo proveito do Arde Lucus para revivir os tempos en que castrexos e romanos loitaban por facerse co dominio da cidade.
AGNIX é unha asociación sen arela de lucro de ámbito galego e constituída por persoas con inquietudes no eido da implantación do software libre na nosa sociedade. Ten como finalidade a formación e divulgación da programación aberta coma medio para acadar a alfabetización tecnolóxica e informática galega, eliminando no posíbel a actual fenda tecnolóxica.

PUBLICIDADE