AGESTIC rexeita os plans do Cluster TIC

mércores, 22 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Os problemas e atrancos que se están a rexistrar nos últimos tempos na nosa terra para acadar unha proposta de colaboración común empresarial TIC que satisfaga a todas e todos, problemas e atrancos por outra banda naturais (en certa medida) en calquera iniciativa colectiva de envergadura, semella que non van ter solución a curto prazo. Ás incógnitas achegadas trala baixa de EGANET no Cluster TIC de Galicia sobre o futuro e viabilidade desta última plataforma, unhas incógnitas que o Cluster tentou despexar os días pasados, súmanse agora as dúbidas que amosa a Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, “sobre o contido íntegro da carta do 16 de xuño que Rafael Valcarce, como presidente do Cluster, dirixiu a tódolos membros e que tamén foi publicada en algúns medios de comunicación”, sinala AGESTIC nun comunicado. Por este motivo, a asociación xa fixo público que rexeita os plans do presidente do Cluster.
A raizame de todo isto está nos motivos que segundo conta AGESTIC expón Rafael Valcarce, presidente da organización, na súa misiva para xustificar a baixa de EGANET e de varias empresas. A xuízo de AGESTIC, estes motivos non son certos, “e a realidade é que tanto esta asociación como EGANET levan dende setembro de 2010 tentando consensuar unha serie de modificacións nos estatutos do Cluster, sendo reiteradamente bloqueados e pechadas as negociación por orde expresa de Valcarce”, sinálase no comunicado de AGESTIC.
Como proba das tentativas para abrir o Cluster á participación das pequenas e medianas empresas TIC da nosa terra, AGESTIC remite ao documento entregado no rexistro do Cluster o día 2 de febreiro de 2011, no que se lle propón a apertura ás pemes e a todas asociacións TIC galegas, “a prol de democratizar a participación e de conseguir que as empresas galegas sexan as verdadeiras protagonistas tendo capacidade de decisión, de que as empresas ou entidades de fóra non puidesen ser membros elixíbeis dos órganos de goberno pasando a constituír un consello asesor, de limitar o número de delegacións de voto na asemblea, de reformular o sistema de representación pasando a ser unha empresa de voto e de pór sobre a mesa incompatibilidade de acumulación de cargos dos directivos”.
Segundo informan as dúas asociacións galegas, o seu documento vén a pedir unha meirande transparencia democrática e o impedimento de que as empresas grandes teñan o control da asemblea ao ter máis votos cás pequenas e medianas. Tamén se pide unha meirande atención das pemes por enriba das asociacións ou os colexios profesionais e, en definitiva, reclámase que o Cluster estea só “ao servizo dos intereses económicos das empresas TIC de Galicia sen outras influencias externas”.

PUBLICIDADE