AGESTIC presentou en Madrid o seu proxecto de inclusión socio-dixital

xoves, 26 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Xacobeo 2010, con tódalas louvanzas e as críticas que se lle poden facer, ten capacidade de abondo como para ocupar unha boa parte dos contidos dos medios de comunicación. Tendo en conta isto, a súa repercusión, é ben probable que achegue as condicións necesarias para promover cuestións de interese social. Así o entende AGESTIC, a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información, para quen está claro que o Ano Santo que xa se albisca ao lonxe reforza e promove calquera iniciativa que se leve a cabo a prol dos colectivos en risco de exclusión social e dixital. Nesta liña é onde se insire o programa O Camiño dos Satélites, posto en marcha coa Fundación Tecnoloxía Social e presentada hai uns días en Madrid.
O proxecto, que foi avanzado polo cantante invidente Serafín Zubiri en Compostela, consiste en tirar proveito do Camiño para poñer de relevo dúas materias pendentes: a mellora da calidade de vida das persoas con diversidade funcional e a existencia (aínda a estas alturas da Sociedade da Información) dunha fenda dixital.
A natureza da iniciativa foi explicada con todo detalle na capital de España polos máximos representantes de AGESTIC e a dita Fundación, José María López Bourio e Enrique Varela Couceiro, respectivamente. Xuntos, e en compañía do devandito Serafín Xubiri (imaxe activa da campaña) e de José Ramón Onega (director da Casa de Galicia en Madrid), enumeraron todos e cada un dos contidos e obxectivos da iniciativa O Camiño dos Satélites:
· A iniciativa inclúe unha peregrinación comandada por Serafín Zubiri dende Roncesvalles até Santiago e na que participarán persoas con diversidade funcional e voluntarios apoiados todos eles por diversos exemplos de tecnoloxías da información.
· O seguimento farase por medio de GPS e GPRS.
· A ruta será rexistrada para a elaboración posterior dun documental.
· O itinerario virá acompañado da posta en marcha dunha web con todo tipo de utilidades 2.0.
· Ao longo do Camiño levarase a cabo unha serie de eventos tecnolóxicos.
· Efectuarase un diagnóstico de accesibilidade do Camiño.
· Tirarase partido das audio-guías e de recursos tecnolóxicos como Kapten, un dispositivo desenvolvido na súa orixe para o groso da poboación pero que, de xeito paradoxal, achega importantes vantaxes para o día a día das persoas cegas. Este aparello, que funciona con voz e do mesmo xeito (con voz) lle responde ao usuario, ten amplas posibilidades de apoio e asistencia para as persoas invidentes. No caso de Zubiri e o seu percorrido levado a cabo até Santiago o pasado verán, serviulle entre outras cousas para poñelo ao tanto en todo intre da súa localización ao longo do Camiño, das rutas a seguir, das características desas rutas (se tiñan moito tráfico, se viñan curvas ou costas abaixo) dos puntos de interese turístico que estaba a piques de visitar ou dos establecementos máis idóneos para comer ou ben descansar.

PUBLICIDADE