AGESTIC pon en marcha o seu programa de promoción dixital a través do Camiño de Santiago

venres, 2 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), e máis a Fundación Tecnoloxía Social teñen programada e ultimada xa unha nova etapa do seu esforzo conxunto a prol dunha Rede para todas e todos, sen atrancos e con posibilidades plenas de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional. Se hai algúns meses falabamos nesta web de eventos como a chegada a Santiago (na imaxe) do cantante invidente Serafín Zubiri con motivo da presentación do navegador Kapten (presentación e visita promovidas por AGESTIC e a dita Fundación), agora toca falar da iniciativa O Camiño dos Satélites, un programa apoiado polo Xacobeo e que comeza a dar os seus primeiros pasos o sábado día 3 en Roncesvalles.
Segundo informa AGESTIC, trátase dun percorrido polos primeiros treitos do Camiño (dende Roncesvalles a Zubiri) no que participan o presidente da Fundación, Enrique Varela, o presidente da organización galega (José María López Bourio) e o devandito artista Serafín Zubiri, face visible do proxecto e, a xuízo da organización do programa, un dos grandes valedores do potencial das novas tecnoloxías dixitais como elementos de mellora e autonomía para persoas con diversidade funcional.
De feito, a idea básica é arroupar ao cantante, gran afeccionado aos deportes, no seu percorrido polo Camiño. Por certo que ao longo do mesmo terá ocasión de facer uso continuo de diversas tecnoloxías de guía encamiñadas a facilitar o itinerario até onde sexa posible. O proxecto piloto, ademais, insírese dentro das actividades da cuarta edición da Media Maratón ao que se agarda asistan máis de 900 persoas.
O Camiño dos Satélites, engade AGESTIC, está proposto como unha iniciativa que sirva non só para o Xacobeo 2010, senón que teña continuidade de emprego pola gran cantidade de persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional e que nun intre das súas vidas deciden facer o itinerario xacobeo “atopando axudas tecnolóxicas dirixidas a darlles moitas facilitades para chegar a Compostela”.
A proposta contará cunha rede social propia de seu, espazos en Facebook e Twitter e bitácoras en liña para as persoas que apoien o proxecto ou participen nel e teñan ocasión (deste xeito) de achegar as súas impresións sobre a ruta e sobre os recursos dispoñibles da mesma, o clima, as condicións, etc.
Asemade, contarase co aval da devandita tecnoloxía Kapten, unha ferramenta que está a promover a Fundación Tecnoloxía Social a través da firma Social Tennyus e que achega grandes e variadas utilidades tanto para peregrinos invidentes como para camiñantes ou ciclistas en xeral.

PUBLICIDADE