AGASOL e ASOLIF convocan unha xornada informativa sobre Finodex

mércores, 14 de outubro do 2015 Redacción

O vindeiro 29 de outubro celebrarase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG de Santiago) unha nova xornada informativa sobre o Proxecto Finodex, cuxo programa xa se atopa dispoñibel para consulta na Rede. A xornada deste 29 complementa e amplía o amosado por estas mesmas datas no mesmo emprazamento, cita na que se nos puxo en materia sobre en que consiste Finodex: un acelerador de iniciativas destinadas a promover aplicacións innovadoras abeiradas á plataforma FI-WARE. O proxecto, que vén da man da Unión Europea, compleméntase cunha folla de ruta que, a través de distintas fases, destina fondos (4,64 millóns de euros) para aquelas empresas que queiran participar. A cita deste 29 de outubro, impulsada pola asociación galega AGASOL, diríxese a amosar ás empresas interesadas o que teñen que facer para participar no proxecto. Xa está aberto o prazo de inscrición en liña.
Amais de AGASOL, no encontro tamén participa arreo a asociación ASOLIF. O evento, polo tanto, servirá de presentación para a primeira convocatoria Finodex que abriu de xeito oficial o 7 de outubro de 2014 e que ten como obxectivo a xestión dun fondo de 4,64 millóns de euros destinados ao apoio de PEME e persoas emprendedoras con ideas de proxectos relacionados con aplicacións, produtos e servizos de datos abertos. Diríxese o encontro a empresas e persoas emprendedoras con ideas de proxectos de datos abertos.

PUBLICIDADE