AGASINT presenta os seus importantes desafíos para 2018 e mailo seu novo presidente, Luis Aceituno

luns, 19 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A fronte común galega de firmas de sistemas intelixentes non tripulados, AGASINT, vén de facer balance dos importantes fitos acadados en 2017 e, tamén de presentar os seus ambiciosos obxectivos para o ano que literalmente comeza. Os datos foron achegados e compartidos na asemblea anual, a primeira da historia de AGASINT, na que tamén se renovou a presidencia da entidade, saíndo elixido Luis Aceituno Otero, coordinador de Proxectos Estratéxicos de Imatia Innovation (substituíndo a Pedro Arias, co-fundador e primeiro presidente). Como lembraremos, AGASINT é a Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes non Tripulados, unha alianza empresarial sen ánimo de lucro que ten como fins “a promoción das aplicacións dos vehículos terrestres, acuáticos e aéreos tripulados de forma remota”.
Segundo se fixo saber na xuntanza, durante o ano 2017 leváronse a cabo diversas actividades relacionadas cos vehículos tripulados de forma remota, entre as que destacan o fomento da investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías. Un exemplo disto foi a implicación da asociación no impulso dos grupos operativos a nivel nacional (EPI-Agri) e, a nivel autonómico, a presenza dos seus asociados na Civil UAVs Inititative, programa da Xunta que inclúe un proceso de compra pública innovadora na que membros da AGASINT están presentes en todas as súas fases. A entidade, neste eido, participou ao longo de 2017 en diversos obradoiros e reunións como representante dos seus asociados ante as administracións, defendendo os seus intereses no sector na Comunidade Autónoma de Galicia, e en colaboración coas institucións públicas implicadas, na elaboración da normativa que regula o emprego dos sistemas tripulados de forma remota (drons). Igualmente, mantivéronse encontros con diferentes Consellerías para potenciar o despregue de campos de voo ou experimentación repartidos pola xeografía de Galicia, o que permitiu que varios dos socios xa se beneficiaron desta iniciativa.
Desde a dirección de AGASINT tamén se felicitaron pola recente aprobación da normativa que rexe o emprego dos aparellos de voo non tripulados no territorio español, que, sinalaron, “ha de contribuír a desbloquear un sector en auxe e que aínda non deu conseguido chegar ao máximo do seu potencial comercial”. Desde a asociación participouse en axustes da nova normativa e realizáronse labores de consultoría con diferentes institucións da administración pública.
Elección de novo presidente
Coa celebración da primeira asemblea do 2018, a asociación tamén procedeu á substitución do seu presidente, polo que Pedro Arias abandona o posto en favor de Luis Aceituno. Desde a asociación salientaron o importante papel despregado por Pedro Arias, co-fundador e primeiro presidente de AGASINT, como “personaxe principal dos primeiros pasos da entidade”. Os socios deixaron constancia do seu agradecemento xeral pola súa dedicación ao proxecto.
Aceituno Otero, como dixemos coordinador de Proxectos Estratéxicos de Imatia, asume o cargo con entusiasmo e co obxectivo de pór ao servizo da asociación toda a súa ampla bagaxe en desenvolvemento de sistemas aéreos non tripulados, eido onde acubilla unha experiencia de máis de corenta anos e unha gran actividade deportiva a nivel nacional e internacional, representando a España en competicións do máis alto nivel, tanto como competidor como xefe de selección. Con diferentes cargos na Federación Galega e Nacional dos Deportes Aéreos, é xuíz nacional de aeromodelismo e conta con licenza da Federación Aérea Internacional, ademais de ser o representante para España do International Jet Model Comité (IJMC) que é máximo expoñente de RPA con propulsión a turbina de queroseno. Desde 1983 foi colaborador de varias revistas estatais especializadas escribindo artigos de deseño de aerodinos e probas de materiais, sendo piloto de probas de varias marcas comerciais.
No que se refire aos desafíos de 2018, AGASINT anunciou que se van despregar esforzos extra de comunicación a prol das maiores sinerxías entre as empresas do sector, unhas firmas que, debido ás súas características intrínsecas, engloba a empresas moi diversas que aplican novidades tecnolóxicas a ámbitos moi diferentes. Segundo informou AGASINT, malia a ampla gama de aplicacións (en agricultura, enxeñaría civil, topografía, audiovisual, etc.) das devanditas tecnoloxías, estas empresas comparten os mesmos problemas relacionados coa normativa sectorial, retos de innovación, comercialización de servizos e internacionalización.

PUBLICIDADE