AGAPI achéganos o 23 aos novos xeitos de producir audiovisual e contidos dixitais

martes, 7 de febreiro do 2017 Redacción

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) celebrará o vindeiro día 23 de febreiro unhas xornadas dedicadas ao audiovisual, máis polo miúdo adicadas aos xeitos innovadores de producir e distribuír audiovisual botando man de diversas ferramentas tecnolóxicas. Baixo o epígrafe Novas formas de produción, trataranse neste encontros temas como o micromecenado nas redes (crowdfunding), o fenómeno transmedia, as estratexias dixitais de promoción e as metodoloxías de traballo coñecidas como Branded Content, que consisten en xerar contidos vencellados a unha marca que permitan conectar esta marca en cuestión cos seus consumidores potenciais.
Esta xornada está subvencionada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta co apoio da Fundación Cidade da Cultura, Xunta de Galicia e EGEDA (Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais).
O acto levarase a cabo no auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela o día 23 de febreiro, en horario de 10:00 a 14:30h. En palabras de AGAPI, o encontro profesional “contará cun programa moi completo e con relatores de alto nivel”.
A xornada dará comezo o día 23 de febreiro ás 10:00 horas e a inauguración e presentación dos relatores correrá a cargo do socio de AGAPI, Jose Antonio Velo, da empresa Astrágalo Studio.
O primeiro relatorio (10.30-11.30h) tratará sobre micromecenado e estará conducido por Jesús Prieto Sacristán (avogado, conselleiro de Crea SGR). A continuación, de 11.30 a 12:30 horas, seguirá un foro co tema Transmedia e Net Strategist, a cargo de Elena Neira (consultora de mercadotecnia, redes sociais e tecnoloxías) e Berni Melero (responsábel de TIC de Knowdle Media Group).
Despois dun descanso, a xornada continuará cun relatorio sobre Branded Content que contará unha vez máis coa intervención de Elena Neira e Berni Melero. A xornada chegará ao seu remate cun debate aberto cos asistentes.
A entrada será gratuíta. Prégase confirmación de asistencia no correo electrónico: prensa@agapi.org antes do vindeiro 20 de febreiro.

PUBLICIDADE