AGAL bota man do e-learning para os seus cursos de portugués para galegas/os

martes, 25 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) e o colectivo de intervención cultural Andaime van tirar proveito das capacidades de comunicación da rede para a posta en marcha –precisamente- dunha nova ponte comunicativa entre países irmáns, o noso e o portugués. Máis polo miúdo, trátase de desenvolver, co apoio das canles dixitais, os que serían os primeiros cursos de portugués dirixidos de xeito específico ás/ós galegas/os. Estas actividades formativas, que terían unha parte presencial, apoiarán unha boa parte do seu programa (cinco horas ao día) na modalidade e-learning (aprendizaxe a distancia achegado polo emprego das redes).
Ámbalas dúas vertentes do curso desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto na sede portucalense da academia iLingua, na cidade do Porto.
O principal obxectivo das asociacións organizadoras é potenciar a aprendizaxe da lingua portuguesa a partir do coñecemento do galego, pondo de manifesto as semellanzas (de feito son a mesma lingua) e as vantaxes que isto subministra en materia de ensinanza e formación.
Polas características das faltas galegas”, informa AGAL, “os cidadáns e cidadás de Galiza temos unha especial facilitade para a adquisición da lingua portuguesa”, ao que cómpre engadir o interese social crecente no noso país con todo o que ten que ver coa cultura do país irmán.
Sobre a natureza dos cursos, dicir que estarán compostos por un máximo de sete persoas que recibirán –como dixemos máis arriba- tres horas de aulas presenciais cada mañá, complementadas con cinco horas en modalidade e-learning.
O proxecto inclúe, ademais das aulas de lingua, un programa complementario de actividades culturais para as tardes centrado no coñecemento da cidade e da cultura portuguesa. Existe tamén a posibilidade de concertar o aloxamento con antelación a través dos contactos que as asociacións porán á disposición das persoas interesadas.

PUBLICIDADE