AGAFPU presenta un curso de formación en ferramentas 2.0 para gabinetes de prensa

mércores, 15 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega para a Formación do Sector Publicitario, AGAFPU, está a organizar unha actividade de gran interese para o pulo definitivo, cara ao futuro, das empresas ou dos departamentos empresariais encargados de manter relacións cos medios de comunicación e, en xeral, coa sociedade da contorna. Falamos do Curso Gabinete de Prensa 2.0, unha acción formativa que responde, en palabras da asociación, á necesidade de estudarmos a fondo o mundo actual da comunicación (cos seus cambios constantes) e estarmos preparados para calquera evolución ou cambio de rumbo do mesmo. Internet e as redes sociais, neste senso, xogan un papel fundamental, xa que aglutinan o cerne das devanditas transformacións.
As novas plataformas”, indica AGAFPU, “cobran hoxe unha relevancia cada vez maior fronte os medios de comunicación tradicionais, o que fai preciso que os profesionais da comunicación se vexan na obriga de moverse con soltura dentro destas novas canles (sexan redes sociais, blogs…)”. Polo tanto, o devandito curso amosará as diferentes plataformas e estratexias 2.0. aplicadas polos gabinetes de prensa máis efectivos. A actividade desenvolverase os sábados 1, 8 e 15 de xuño, de 10 a 14 horas, en Santiago de Compostela. A continuación, damos conta do programa, artellado en módulos.
Módulo 1: Planifica
• Dun gabinete de prensa tradicional a un 2.0.
• Xornalista ou community manager?
• Internet…un mundo de posibilidades! Cal é a mellor estratexia en cada caso?
-Medios online
-Blogosfera
-Redes sociais
-Outras plataformas
• Como crear unha base de datos de contactos en liña
• Estratexia, estratexia, estratexia: fixa obxectivos, planifica e dispara!
-Información ao teu target
-Información corporativa
-Convocatorias
-Promocións-produtos
Módulo 2: Comunica
• Identidade dixital e reputación corporativa
• Como colgar as túas notas de prensa:
-Salas de prensa
-Blogs corporativos
-Outras plataformas
• As claves para escribir en Internet. Best practices para a redacción de notas de prensa e contidos online
• Claves para mellorar o SEO da túa comunicación. O posicionamento en buscadores como ferramenta para multiplicar o impacto e difusión dunha información
• Email MKT
Módulo 3: Mide
• Ferramentas para medir o impacto das túas comunicacións. Medición do teu desempeño, interpretación dos resultados e toma de decisións para futuras accións.
- Analytics como ferramenta para gabinetes de prensa: nocións básicas
- Outras aplicacións gratuítas para medir a túa repercusión
• Cadro de mandos e KPI´s que debes ter en conta
• Media Intelligence
A quen vai dirixido?
A profesionais da comunicación, responsables de gabinetes de prensa e mercadotecnia. Nivel: medio. Os alumnos deben contar con coñecementos básicos de xestión de gabinete de prensa (redacción de notas, convocatorias de medios…).
Quen imparte?
Imparte María Mosquera Leal, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago especializouse en Xornalismo Electrónico na Universidade Van Amsterdam de Holanda. Realizou varios posgraos na Escola de Negocios ICEMD-ESIC e na UPC de Barcelona sobre Marketing Online e Marketing Estratéxica e Operativa.
Traballou nos departamentos de prensa de Volkswagen-Audi España, Privalia, Acceso Group, Allianz Seguros, Winterthur, Pézcalo… así como en diferentes medios de comunicación.
Actualmente é CEO España en Boottle.es.
A súa dilatada experiencia no mundo da comunicación e a súa especialización nos medios en liña convértena en toda unha especialista en gabinetes de prensa 2.0.

PUBLICIDADE