AFundación presenta en Vigo novo espazo para maiores e nova plataforma dixital

venres, 24 de marzo do 2017 Redacción

AFundación (Abanca) vén de inaugurar e presentar en Vigo un novo espazo moi acaido para favorecer o envellecemento saudábel a través do emprego das novas tecnoloxías da información. Trátase do Espazo+60 vigués, unha sede “multidisciplinar” con actividades para quen teña máis de 55 anos (moitas delas, como dixemos, relacionadas coas TIC). Amais, AFundación aproveitou a cita para dar o coñecer o vindeiro desenvolvemento da plataforma dixital interna AFundación TV, que será unha canle de comunicación para os socios achegándolles pezas audiovisuais que reflictan as actividades xeradas.
Estas novidades foron dadas a coñecer perante os medios polo presidente de AFundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xerente da entidade, Pedro Otero, que lembraron que a de Vigo é a terceira sede de Espazo+60, logo das de Ferrol e Pontevedra.
Segundo sinalou Escotet, Espazo+60 busca involucrar ás persoas maiores con xente nova “en actividades do seu interese”, ademais de visualizar e reivindicar a súa experiencia. Máis polo miúdo, a través deste programa, os usuarios poderán participar en actividades de lecer creativo, de formación das súas habilidades e destrezas e compartir o seu talento e experiencia vital e profesional.
Otero, pola súa banda, salientou que desde a posta en marcha destes recintos recibíronse 350 altas, unha media de tres ao día, e baixaron a idade de incorporación dos 74 aos 68 anos. A día de hoxe, engadiu, “hai en Vigo 950 socios, entre os 55 e os 100 anos, sendo a nosa intención acadar nos vindeiros dous anos a cifra de 2.000 usuarios”.
O novo Espazo+60 de Vigo dispón de catro aulas, auditorio para conferencias, aula de cociña, zona social e dúas salas no Teatro AFundación. Nelas forneceranse actividades sobre hábitos saudábeis, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas tecnoloxías da información e lecer activo.
Como dixemos, AFundación tamén anunciou perante os medios a vindeira posta en marcha de AFundación TV, unha canle dixital interna, para socios, que reflectirá o desenvolvemento de todo tipo de actividades xeradas no seo da entidade divulgándoas a través da televisión dixital en diferido ou en directo.

PUBLICIDADE