ABANCA lanza web para impulsar a reforestación en zonas afectadas polo lume

luns, 4 de decembro do 2017 Redacción

ABANCA quere contribuír á recuperación dos montes arrasados polos lumes durante o pasado mes de outubro. Por este motivo vén de pór en marcha unha campaña de reforestación que terá dúas vertentes de desenvolvemento complementarias: por unha banda nas oficinas da entidade na nosa xeografía e, pola outra, a través da web www.unhanovaarbore.com. Mediante esta iniciativa vanse recadar fondos e axudar á reforestación do monte galego afectado pola catástrofe ambiental deste outono. A previsión, co impulso desta campaña, é plantar 4.608 árbores, unha por cada empregado. A medida é de facto unha campaña de Nadal, pero con vertente claramente solidaria e de responsabilidade medioambiental.
Segundo informou a entidade galega, a partir deste 7 de decembro, a cidadanía poderá sumarse a esta iniciativa e colaborar con 10 euros, a cambio ABANCA entregará un agasallo solidario, Unha árbore nova. O regalo contén un tronco de cartón reciclado co que se pretende simbolizar que este ano a árbore de Nadal está onde ten que estar: nas forestas galegas. Co diñeiro recadado, a entidade financeira, a través do seu programa de voluntariado corporativo, realizará tarefas de reforestación nas zonas afectadas polos incendios en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat.
A iniciativa foi dada a coñecer hoxe polo director de Marketing, Intelixencia e Dixital de ABANCA, Jorge Mahía. Segundo fixo saber, a iniciativa estará presente en todas as sucursais do banco en Galicia e o presente solidario tamén se poderá conseguir a través da web www.unhanovaarbore.com e recibilo en casa. Unha árbore nova irá acompañado dun folleto explicativo coas distintas accións que se irán pondo en marcha para reforestar o monte queimado. Ademais, todas as persoas que axuden cunha árbore e queiran saber que se fará con ela, poden deixar o seu correo electrónico e iránselles contando todas as iniciativas que de maneira progresiva acompañarán este plan.
As tarefas de replantación das árbores iniciaranse a partir de marzo de 2018. Os empregados da entidade que forman parte do programa de voluntariado corporativo de ABANCA serán os encargados de plantar, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, as árbores que se adquiran.

PUBLICIDADE