A xornada sobre Machine Learning do CESGA amosou a importante actividade galega en sistemas intelixentes

xoves, 27 de outubro do 2016 Fernando Sarasketa

Boa parte do noso xeito de traballar e informarnos vai mudar radicalmente de aquí neste presente no que vivimos a dentro duns dez anos. Algunhas destas novidades puidemos velas hoxe na primeira edición do Machine Learning Workshop Galicia 2016, unha xornada de traballo organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración coa Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC e a empresa Torus Software Solutions. Segundo coincidiron boa parte dos participantes, as tecnoloxías Machine Learning son en certa maneira o caldo de cultivo do futuro: a base tecnolóxica coa que está feita o día de mañá. O punto de inflexión está marcado polo seguinte: a aparición de algoritmos e sistemas que son quen de “entender” a información. Canto máis medre esta, meirande e máis afinado será o entendemento.
Isto, que semella o argumento dunha novela de ciencia ficción é xa unha realidade concreta que se impulsa, tamén, dende a nosa terra: dende os nosos centros de I+D, centros tecnolóxicos, universidades e laboratorios de empresa. O workshop que organizou este xoves o CESGA ao longo de todo o día tratou precisamente de achegar unha xanela directa ao que se “coce” en Galicia en materia de aprendizaxe de máquinas, tecnoloxías intelixentes e intelixencia artificial. Foi inaugurado por Javier García Tobío e Andrés Gómez Tato, director e responsábel de Aplicacións e Proxectos do CESGA. No espazo onde se desenvolveu o evento, o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC, xuntáronse arredor de 100 persoas, entre investigadores, estudantes e profesionais TIC das nosas empresas.

Javier García Tobío e Andrés Gómez Tato, director e responsábel de Aplicacións e Proxectos do CESGA

Na apertura de actividades, contra as 10.00 horas, Gómez Tato fixo un percorrido polo potencial multi-ámbito do Machine Learning e, nun plano máis concreto, polo programa de actividades da xornada, integrado por 25 presentacións/relatorios a cargo de investigadoras/es procedentes de todos os recantos da nosa terra. Segundo lembrou, estas dúas ducias de intervencións “serven para achegar unha completa visión do que se está a facer na nosa terra coas técnicas e tecnoloxías da intelixencia artificial e a aprendizaxe de máquinas en áreas como a estatística, a enxeñaría ou a xestión empresarial”. Nun plano máis concreto, destacou o potencial do Machine Learning (“conxunto de tecnoloxías baseadas nas matemáticas, nos datos e nos algoritmos”) para optimizar, ao longo dos anos vindeiros, cousas como o noso xeito de traballar, de buscar mercados e afianzarnos neles, de analizar a información que se xera nas redes, de investigar en fármacos e tratamentos, de argallar mellores metodoloxías de atención médica, de optimizar produtos e evitar fallos de fabricación, de controlar e facer seguimento dos recursos enerxéticos e contaminar menos, de facer mellores controis de calidade, etc.
Gómez Tato destacou especialmente os seguintes ámbitos de aplicación do ML: os sistemas de recomendación (en base ao uso de algoritmos avanzados, cada vez mellor desenvolvidos, máis técnicos e específicos, “pero tamén máis opacos dende o punto de vista do programador”), as tecnoloxías para o recoñecemento de fala, os recursos para a tradución automática ou as ferramentas para predicir futuras demandas de enerxía. “O abano de posíbeis aplicacións”, dixo, “é tan grande como as demandas dos usuarios”. Segundo engadiu, outro dos obxectivos do Machine Learning Workshop Galicia 2016 foi lembrar aos expertos que están a traballar hoxe en día con estas tecnoloxías que o CESGA pon á súa disposición recursos concretos de cálculo e computación avanzada, recursos como a súa Plataforma de Big Data ou, tamén, o supercomputador FinisTerrae.
Entre os participantes da xornada deste xoves 27 atopábase, como dixemos, unha ampla representación do noso tecido investigador e empresarial máis avanzado e innovador: o Centro Tecnolóxico Gradiant, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), o Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC), o centro AtlantTIC (Universidade de Vigo), propio CESGA, o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial) e empresas como Torusware, Abanca, SIVSA, Televés, Imatia, Situm, Indra, Bahía Software, BigPress, OpenSistemas ou Zubilabs.
Comité científico
O comité científico do obradoiro estivo integrado por Ricardo Cao (CITIC-UDC), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC, UVigo), David Mera Pérez (CITIUS-USC) e Andrés Gómez Tato (CESGA). O comité organizador está formado por Andrés Gómez (CESGA), Juan Touriño (UDC), Fernando Bouzas (CESGA), Raquel García (CESGA), Javier Cacheiro López (CESGA) e José Carlos Mouriño (CESGA). Contouse, como dixemos, coa colaboración da Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPCn R2014/041 e Torusware.
Os sistemas Machine Learning
A primeira edición do Machine Learning Workshop Galicia 2016 naceu co obxectivo de presentar os proxectos e resultados derivados do emprego das tecnoloxías Machine Learning (ML) nas universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia, tanto no que se refire ao seu uso como a nivel de desenvolvemento específico de novos algoritmos. A base deste evento foi a seguinte: a necesidade de afondar nas posibilidades que se abren cos recursos Machine Learning, unhas tecnoloxías (as asociadas á aprendizaxe máquina) que se empregan cada vez máis en eidos como a investigación ou a xeración de servizos vinculados á Sociedade da Información (servizos de recomendación, clasificadores, etc.), así como na xestión dos sistemas de produción (detección de anomalías, predición de erros, sistemas de control, etc.).

PUBLICIDADE