A xornada sobre CPI celebrada en Santiago serviu para facer un chamamento a prol de máis compra pública innovadora

mércores, 8 de xullo do 2015 Redacción

Finalmente celebrouse a semana pasada, o 2 de xullo, o encontro do CPEIG e o Clúster TIC para amosar as potencialidades da Compra Pública Innovadora (CPI) para o impulso das firmas do noso tecido tecnolóxico-dixital. A Xornada de Oportunidades de CPI para empresas TIC, que complementou os actos da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebrada o pasado venres 26 de xuño, tivo lugar no edificio CERSIA de Santiago e foi inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e polo director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela. Segundo fixo saber este último, a compra pública innovadora é unha técnica de contratación “clave” para axudar ás empresas galegas a desenvolver novos produtos de vangarda e comercializalos. Emporiso, fixo un convite a apostar máis por este tipo de prácticas.
Varela salientou tamén até que punto saen gañando todos os axentes implicados cando unha administración aposta por un produto innovador para resolver unha necesidade, co engadido extra (vantaxe extra) de que o produto fose desenvolvido ou participado ou integrado por empresas da contorna. Ao seu xuízo, as vantaxes principais son tres: a CPI dota ao sector público dunha tecnoloxía que facilita o servizo ao cidadán; ademais a compra pública innovadora permite a unha empresa galega que vén de investir no desenvolvemento dun proxecto de vangarda acadar a primeira venda, “amortizando parte do investimento”; por último, dixo, este tipo de operacións permiten amosar que o produto funciona, abrindo a porta á súa comercialización en todo o mundo, “e contribuíndo así á boa marcha das exportacións da comunidade”.
A maiores, Varela fixo mención das liñas estratéxicas levadas a cabo neste ámbito por GAIN, que situaron á axencia, engadiu, “como líder a nivel estatal no eido da compra pública innovadora”, en parte grazas a acordos como os asinados pola axencia co SERGAS, o Concello da Coruña e as tres universidades galegas para impulsar esta práctica. Varela rematou cun chamamento a “incorporar a máis administracións a esta práctica, que tantos beneficios ten dado a Galicia nos últimos anos, e que medrará aínda máis ata 2020”.

PUBLICIDADE