A wikipedia da Vida verá a luz en 2008

xoves, 10 de maio do 2007 Raquel Noya

A comezos do vindeiro 2008, un novo e ambicioso proxecto de recompilación de datos botará as súas áncoras na Rede de Redes. A finalidade da Enciclopedia da Vida (EOL en inglés) será rexistrar en poucos anos toda a información dispoñible sobre as 1,8 millóns de especies vivas que existen na Terra, tanto vexetais como animais ou outras formas de vida coñecidas, dando lugar á máis extensa base de datos deste tipo que se coñece (iso sempre e cando se dean présa, porque con isto dos efectos do cambio climático, xa se sabe).
Aínda que EOL non terá as súas primeiras páxinas até comezos de 2008, en Internet xa se pode ver como será o aspecto definitivo da obra na súa páxina web. Segundo os creadores do proxecto, “a comunidade científica dos países en desenvolvemento serán os que máis se beneficien desta Enciclopedia xa que non terán que recurrir á información almacenada noutros países para acceder ó que precisa”.
Ó igual ca outros proxectos similares, EOL empregará o concepto “wiki”, polo que unha serie de voluntarios irán introducindo a información ata completar unha enciclopedia virtual semellante á popular Wikipedia pero coa particularidade de que un equipo de científicos verificarán a información antes de subila, segundo din, “para evitar os problemas que tivo a devandita enciclopedia virtual no seu día”.
Un equipo formado por preto de 20 persoas xa está a traballar no desenvolvemento do programa para que a comezos de 2008 as primeiras páxinas poidan ser expostas en Internet.

PUBLICIDADE