A webserie galega Pringadas estréase no Centro Galego de Madrid

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

O Centro Galego de Madrid acollerá o vindeiro luns 24 de abril a estrea da web serie Pringadas, que narra a vida universitaria galega. A proxección da primeira tempada, con entrada de balde até completar aforo, dará comezo ás 19:30h e contará cun coloquio posterior por parte da directora Belén Puime Bao.
Indo ao contido da webserie, sinalar que son tres as protagonistas: Xoana, Catu e Antía, tres compañeiras de piso que abren o seu diario persoal contando co que lles acontece na vida: a ruptura co primeiro amor, o sentimento de non pertencer a nada e o diagnóstico dunha ETS... Todo isto, contando con Santiago de Compostela como escenario protagonista da ficción, e escenario real da vida de boa parte do alumnado galego.
A directora, Belén Puime (A Coruña, 1998) é Premio Extraordinario no mestrado de Produción Executiva Audiovisual e do grao en Comunicación Audiovisual. Con tan só 22 anos co-dirixe a produción da súa primeira longametraxe como produtora executiva Un Sol Radiant, gañadora no Festival D’’A 2023 na categoría de novos talentos.
No 2021, presenta no Carballo Interplay a idea da serie Pringadas, coa que se alzou como gañadora a Mellor Idea de Proxecto, e coa que logo conseguiu ser finalista nos premios Mestre Mateo 2023 como Mellor serie Web e proclamarse gañadora a Mellor serie en V.O. en galego no Carballo Interplay 2023. Alén do seu traballo en Galician como directora de proxectos dixitais, Belén desenvolve un posto de creativa e redactora na produtora Unicorn Content.

Tráiler de Pringadas

PUBLICIDADE