A web tamén está de rebaixas

luns, 2 de xullo do 2007 Marcus Fernández

El Corte Inglés replica na web as rebaixas dos seus establecementos físicos

A pasada fin de semana unha nova abría moitos informativos nas televisións: o comezo das rebaixas. Curiosamente este fenómeno xa non se vive só nas colas dos centros comerciais para ver quen é o primeiro que se fai con produtos a prezo rebaixado, senón que na Internet tamén hai os seus equivalentes.

A FNAC súmase ás rebaixas na súa web

A roupa continúa a ser un produto que se compra habitualmente en establecementos físicos, polo que a Rede non lles afecta, pero o resto de produtos, especialmente a música, as películas ou a electrónica de consumo viven as rebaixas doutro xeito, polo que tendas virtuais coma DVDgo xa se apuraron a colgar o cartel das rebaixas o pasado sábado, valéndose do atractivo duns fondos de catálogo cos que non poden competir os establecementos comerciais tradicionais, o que fai que consumidores complementen as súas compras no mundo real con outras na Internet, aproveitando os descontos para completar as súas coleccións discográficas ou videográficas, así como para nutrir o tempo de lecer do verán que está comezando.

DVDgo anunciou as súas rebaixas antes de rematar o mes de xuño

Pero as tendas tradicionais tamén prepararon as súas webs a campaña deste verán, e así, tanto establecementos coma El Corte Inglés ou FNAC xa teñen as súas ofertas do mundo físico trasladado ó virtual, co que pretenden tanto promover as promocións en vigor como achegarse a clientes que prefiran facer as súas compras dende a comodidade das súas casas (evitando as aglomeracións nos centros comerciais).
De tódolos xeitos, a compra de certos produtos en rebaixas está a perder pulo tamén por mor da proliferación de páxinas web que permiten realizar compras a prezos reducidos durante todo o ano, xa sexa con ofertas atractivas como mediante poxas, de xeito que as subhastas se están a converter nun sistema moi empregado para facerse con auténticas gangas coas que as propias rebaixas non se poden comparar.
A tendencia a mercar a través da Rede se fai aínda máis evidente en produtos de electrónica de consumo, onde as rebaixas teñen unhas marxes moi reducidas, mentres que na Internet se poden atopar prezos reducidos grazas á importación ou á compra de segunda man.

PUBLICIDADE