A web do The New York Times abre os seus contidos de pago

martes, 18 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A estratexia de pechar a meirande parte dos seus contidos na Internet fracasou en medios coma El País, e agora é o The New York Times o que ten que rectificar a súa política, de xeito que os contidos de pago da súa edición dixital TimesSelect pasarán a ser de balde, co que pretenden achegar a máis lectores e percibir maiores ingresos por publicidade.
TimesSelect pecha este mércores, despois de 2 anos de funcionamento. O servizo tiña un prezo de 7,95 dólares/mes ou 49,95 dólares/ano, e os contidos de tal edición se diferenciaba na web por unha T de cor laranxa que se podía ver á esquerda das ligazóns que levaban ós mesmos, detalle que desaparecerá esta noite.
A directora xeral e vicepresidenta da empresa, Vivian L. Schiller, declarou que cren «que abrir tódolos nosos contidos e habilitar o que suporán millóns e millóns de novos documentos, combinado cun crecemento extraordinario, creará un fuxo de ingresos que superará con creces os ingresos por subscricións».
Na actualidade o servizo de TimesSelect estaba a xerar uns 10 millóns de dólares/ano (de 227.000 subscritores de pago, dun total de 787.000), pero a apertura das columnas de opinión da cabeceira, así coma do arquivo da publicación dende 1851 poderá achegar a moito público que compense a operación, recoñecendo que non agardaban un tráfico tan elevado na súa web, que actualmente ten 13 millóns de usuarios únicos ó mes.

PUBLICIDADE