A web do Instituto Enerxético de Galicia incrementou as súas visitas considerablemente en 2009

luns, 11 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A páxina web do Instituto Enerxético de Galicia vén de despedir o ano 2009 cun bo sabor de boca ao rexistrar máis de 232.000 visitas, o que supón unha media de 636 consultas diarias e un incremento do 37,5 por cento respecto ao 2008, cando o número total de visitas foi de 168.798.
Concretamente a web do Inega, organismo dirixido por Eliseo Diéguez e adscrito á Consellería de Economía e Industria, totalizou 232.159 visitas en 2009, recibindo unhas 44.523 tan só no mes de novembro.
O motivo que levou aos usuarios a visitar esta web masivamente (a razón de 1.484 visitas diarias) no devandito mes do pasado ano débese, segundo veñen de anunciar dende o Inega, “a que nese momento acababan de abrirse as solicitudes para as axudas de aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovables, ademais de coincidir co Plan Renove de Electrodomésticos”.
Tras novembro, foi outubro o mes con maior número de visitas con 43.945, isto é, 1.418 diarias. Por detrás sitúase o mes de decembro, con 27.038 visitas, coincidindo coa apertura do Plan Renove de Fiestras (que finalizou en tres días ao completarse os 1,2 millóns de orzamento); co remate da solicitude de axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables; coa presentación do Plan Renove de Equipos de Climatización; coa ampliación de fondos do Plan de Vehículos Eficientes 2008 e coa presentación do Plan de Vehículos Eficientes 2009, así como de diversas aplicacións informáticas que permiten calcular o aforro enerxético e económico que se obtén nun fogar optando por electrodomésticos ou lámpadas de baixo consumo ou apagando totalmente os equipos electrónicos. Febreiro superou tamén a barreira das 20.000 visitas, cun total de 20.582 -data na que se ampliaron os fondos do Plan Renove de Fiestras 2008-.
O número de visitas nos restantes meses flutuou entre un mínimo de 9.000 e un máximo de 16.000. A distribución foi a seguinte: en xaneiro houbo 16.024 visitas; en marzo, 12.003; en abril, 9.316; en maio, 9.535; en xuño, 10.360; en xullo, 11.649; en agosto, 10.480; e en setembro, 16.704.
A duración media das visitas sitúase entre os 7 e 8 minutos. Os días con picos máis altos de visitas foron o 2 de novembro, cun total de 2.752 visitas; o 26 de novembro con 2.256; o 29 de outubro con 2.222 e o 1 de decembro, con 2.037.
Os contidos máis visitados da páxina web do Inega foron o Plan Renove de Electrodomésticos 2009, o Plan Renove de Fiestras 2009 e as subvencións de aforro e enerxías renovables.

PUBLICIDADE