A web do Castanhazo Rock ofrece completa información sobre este festival cen por cen galego

venres, 2 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Semella a Rede vai mudando todo o que nos rodea, mais o máis axeitado é dicir que os usuarios da Rede tiran partido das súas posibilidades para mudar todo o que nos rodea. Vivimos aínda na prehistoria da Internet, e aínda así xa podemos rastrexar probas máis ou menos claras de que non somos os mesmos. Un bo exemplo de toda esta enleada é o que acontece co noso xeito de gozar de concertos e os festivais. A case ningún “comité” organizador deste tipo de eventos se lle escapa hoxe a idea de que a diferenza entre o éxito ou o fracaso rotundo do mesmo depende cada vez máis da inclusión na fórmula de algo que non pesa nin se toca nin se ule: unha boa páxina web.
Isto vén a conto porque vimos de visitar a nova (e completa abonda) web do que vai ser un dos eventos culturais máis importantes desta fin de semana: o Castanhazo Rock 2007 de Chantada.
A web do festival, que está organizado pola Asociación Cultural O Castanhazo e que se vai celebrar no mercado gandeiro desta localidade, ten feitura de cartaz interactivo. O seu manexo é doado e o deseño ten o mesmo obxectivo cá información ofrecida: tentar convencer ó internauta de que non vai perder o tempo se finalmente viaxa até o certame. Inclúe información sobre os concertos que se van celebrar a partir das 21.00 horas (Motor Perkins, Os Cuchufellos, Rastreros, Ruxe Ruxe, Os Tres Trebóns e Zënzar), sobre os persoeiros da cultura convidados para falar do movemento bravú ou sobre o que vai ser a primeira edición da Feira do Disco Galego, un evento encamiñado a “divulgar e promover a música que se fai na nosa terra e dando cabida a todos aqueles que viran a luz en Galiza nos derradeiros anos”.
A web tamén se para en dar consellos sobre os itinerarios a seguir máis aconsellables para chegar a Chantada, sobre os lugares onde durmir e sobre cómo atopar o recinto das actividades, entre outros moitos datos de interese.

PUBLICIDADE