A web do Campus de Mar permitirá seguir en tempo real as correntes da ría de Vigo

mércores, 9 de abril do 2014 Redacción

A web do Campus do Mar achegará en tempo real seguimento e información sobre as correntes da Ria de Vigo. A integración destes datos, que serán recollidos a través de dúas antenas situadas no ECIMAT e no faro de Punta Subrido (incluíndo un sistema pioneiro no Estado para a medición deseñado polo Grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo), posibilitará a calquera internauta ter coñecemento directo dos fluxos mariños en superficie a intervalos de cada media hora.
O servizo, segundo informan os seus responsábeis, implica unha mestura de recursos de medición en tempo real e máis un software de procesamento, combinación e presentación dos sinais recibidos.
Neste proxecto colaboran por unha banda a Universidade, que achegou as dúas antenas; o grupo GOFUVI que as mantén e almacena e xestiona os datos a nivel autonómico; a ECIMAT que alberga nas súas instalacións unha das antenas e tamén o Campus do Mar e a Facultade de Ciencias do Mar. Por outra banda, están implicados neste proxecto Portos do Estado e a Autoridade Portuaria de Vigo, que brindou a posibilidade de empregar o faro de Punta Subrido e co que hai un acordo para a difusión e xestión dos datos do radar en España, fóra da comunidade autónoma. Ademais, a empresa Qualitas-Remos, distribuidora exclusiva en España destes radares, colabora no mantemento e calibración dos instrumentos e desenvolveu o visor ou interface gráfica na web.

PUBLICIDADE