A web de exportación do INORDE favorecerá a saída ao exterior das PEME ourensás

mércores, 31 de xullo do 2013 Redacción

Presentación da plataforma dixital, a semana pasada, no Polígono de San Cibrao

As firmas integrantes do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e dos restantes complexos empresariais de Ourense poderán tirar partido da web que vén de deseñar o INORDE para favorecer a actividade en novos mercados diferentes ao noso. A idea deste achegamento ás empresas galegas dos recursos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, é unha idea dupla: por unha banda impulsar a internacionalización e pola outra o emprego integral das novas tecnoloxías da información. A páxina web do INORDE (organismo da Deputación de Ourense) creada para tal fin (Ourense exporta) acubillará a pequenas e medianas empresas (PEME) da provincia de Ourense, poñendo ao seu alcance unha rede de exportacións e a posibilidade de formar parte dun directorio onde se amosan ante o mundo os datos básicos, os produtos e a oferta de cada unha das firmas adheridas.
A iniciativa presentouse a semana pasada nun acto que contou coa presenza do presidente do polígono empresarial de San Cibrao, Elías Mera; o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, e o profesor Jim Driscoll, coach do Estado de Texas, quen visitaba a provincia de Ourense para achegar os seus coñecementos no ámbito da exportación e importación en Estados Unidos. A posta en marcha desta web, fixeron saber, busca converter a un número significativo de PEME ourensás en exportadoras regulares e facer desta opción “unha actividade próxima, cotiá, rendible e duradeira no tempo”. A plataforma dixital encamíñase tamén a acadar forte representatividade entre as máis de 500 sociedades con sede no polígono de San Cibrao, no Parque Tecnolóxico de Galicia ou nos parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros.

PUBLICIDADE