A web de Sanidade achega recomendacións útiles para viaxar a Sudáfrica neste Mundial

luns, 7 de xuño do 2010 Raquel Noya

Aquelas persoas que, pese á crise, teñen un presuposto xeitoso para achegarse este verán a Sudáfrica a ver a Copa do Mundo de Fútbol, deberían seguir unha serie de recomendacións que non están de máis para volver ao noso país coa mesma saúde coa que marcharon para o continente veciño.
Para iso, as autoridades sanitarias do noso país están a publicar recomendacións xerais destinadas ás afortunadas persoas que teñan a oportunidade de presenciar, entre o 11 de xuño e o 11 de xullo, os partidos de España na Copa do Mundo.
En relación a isto, a Dirección Xeral de Saúde Publica e Planificación da Consellería de Sanidade ven de colgar na súa páxina web oficial estas recomendacións emitidas dende os organismos internacionais.
Para preguntar por tratamentos preventivos fronte a determinadas enfermidades ou por recomendacións sanitarias durante a viaxe, as persoas interesadas deberán consultar nos centros de vacinación internacionais existentes en Galicia. Estes centros están emprazados nos Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña; de Santiago de Compostela; e dous no de Vigo (un no hospital Xeral e outro no Meixoeiro); así como nos Complexos Hospitalarios Xeral-Calde de Lugo; de Ourense; e de Pontevedra. Os hospitais Arquitecto Marcide, en Ferrol; Virxe da Xunqueira, en Cee; de Monforte; da Costa, en Burela; e o do Salnés, en Vilagarcía, tamén dispoñen de puntos de vacinación internacional. Tamén existen outros dous centros, en A Coruña e en Vigo, dependentes do Ministerio de Sanidade e Política Social.
Nembargantes, no caso de precisar algunha vacina hai que poñela con antelación, como é o caso da vacinación contra a febre amarela, que se transita a través de países endémicos antes de chegar a Sudáfrica.
Dende a web da Consellaría de Sanidade advirten queantes de saír de viaxe “é preciso comprobar que ten a asistencia sanitaria cuberta, xa que os hospitais das zonas urbanas son de calidade pero caros”. Asemade, lembran que España non ten convenio bilateral para atención médica con Sudáfrica, polo que “sería conveniente contratar un seguro privado ou comprobar na axencia que lle xestione a viaxe que ten asegurada esta necesidade. Se ten un seguro privado consulte se ten cobertura ou precisa dunha ampliación”.
Por outra banda, se está a tomar medicamentos con regularidade, recomendan, “levar a cantidade precisa para a duración da viaxe, por se non se atopa o produto alí”.
No tocante á seguridade alimentaria e riscos eventuais, as autoridades sanitarias tamén especifican que os alimentos que se venden no supermercados, os restaurantes e establecementos de comidas rápidas están considerados, xeralmente, “seguros”; pola contra, recoméndase “ser prudente co consumo de alimentos vendidos por vendedores ambulantes e puntos de venta informais”.
A auga de consumo nas zonas urbanas está considerada segura, pero ten unha calidade variable nas vilas pequenas. Desaconséllase beber auga directa dos ríos e dos regueiros.<br Trátase dunha pequena parte das precaucións que hai que ter en conta se viaxamos a Sudáfrica porén tamén valen para outros destinos solicitados nas axencias de viaxes por estas datas, que non debemos deixar de ler se queremos prever infeccións e enfermidades perigosas.
Para obter máis información detallada pódese consultar en liña resumos dos resultados dos diferentes sistemas de vixilancia no enderezo: www.nicd.ac.za. Tamén nas páxinas da Organización Mundial da Saúde e do Ministerio de Asuntos Exteriores:
http://www.who.int/ith/updates/20100421/en/index.html e http://www.maec.es/es/MenuPpal/Paises/ArbolPaises/Sudafrica/Recomendacionesdeviaje/Paginas/recoSudafrica.aspx

PUBLICIDADE