A web de Aldea Nova ábrelle novos vieiros á innovación no rural

venres, 4 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O proxecto Aldea Nova, radicado en Narón e posto en marcha polo Concello para potenciar o desenvolvemento rural sostible na nosa terra, conta cunha interesante páxina web dende a que se informa polo miúdo das experiencias deste proxecto específico de innovación aplicada na nosa base produtiva agrogandeira. Asemade, a páxina serve de fonte de coñecemento xenérico sobre a busca de novos modelos de actividade acerca do noso rural, útil para quen desexe pór en marcha unha iniciativa semellante. O sitio en cuestión, espello do Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova (nome completo da iniciativa), atópase estes días nun repunte de actividade dirixida a mover á participación da comunidade internauta. Máis polo miúdo, a páxina prepara o terro do vindeiro curso de fotografía que se vai desenvolver no parque no mes de marzo e dirixido por Oriol Alamany.
Por certo que na actividade, que se celebra do 11 ao 13 de marzo nas instalacións de Aldea Nova, poderán participar até 25 persoas, tanto profesionais como seareiros da fotografía en xeral.
Xa nun eido máis xenérico, a web é en si mesma un convite a participar neste proxecto de innovación rural, posto en marcha en 2007 e arestora xestionado (como a páxina web) por Terranova Xestión Ambiental. Entre outras moitas cousas, achégase material en moi variado formato sobre o que nos atoparemos no complexo, visitado cada ano por miles de persoas, incluídos escolares de toda a nosa xeografía para os que se preparan diversas actividades de lecer. Amais da relación de obxectivos a seguir polo centro, fornéceselle á comunidade internauta de información exhaustiva dos servizos aos que dá acubillo (visitas, cursos, aloxamento, etc) e das propias instalacións do mesmo, dedicadas a pór en relevo a importancia do noso patrimonio, das áreas produtivas tradicionais ao mesmo tempo que se aposta por unha busca do sostible e do renovable.

PUBLICIDADE