A web Xente con vida supera as 155.000 páxinas vistas dende o seu lanzamento a finais de marzo

luns, 28 de maio do 2012 Raquel Noya

No marco do Día Nacional da Nutrición, que celebra hoxe a súa XI edición, a Consellería de Sanidade vén de facer reconto das visitas que recibiu a web Xente con vida dende o seu lanzamento a finais de marzo deste ano, unha plataforma dedicada a sensibilizar e informar do impacto que ten para a saúde levar unha alimentación correcta.
En total, segundo informan dende a entidade pública, a web e o blog de Xente con Vidasuman xa máis de 155.000 páxinas vistas dende o seu lanzamento”, e máis polo miúdo engaden que “só a web rexistrou 13.000 visitas en apenas dous meses”.
A plataforma en liña, que ademais do blog de seu está presente en Twitter e Facebook, rexistrou nesta última rede social un total de 72.148 páxinas vistas, así como un alcance de 88.000 persoas que deixaron constancia da súa actividade na páxina oficial de Facebook con comentarios e publicacións compartidas.
Xente con vida, que maioritariamente ten seguidores de entre 24 e 44 anos, contén información de utilidade relativa á alimentación que debemos levar para gozar dunha mellor calidade de vida; información que ademais é fiable cen por cen, ao estar elaborada por expertos do sistema sanitario galego.
Deste xeito, a web contén numerosos artigos divulgativos sobre alimentación saudable, e tanto esta como o blog, achegan artigos de temáticas variadas como alimentación infantil, consellos nutricionais para a terceira idade, control do peso, recomendacións para reducir o consumo de graxas ou sal, e mesmo propostas para almorzos e merendas.
Outro dato que reflicte a boa acollida que está a ter a iniciativa Xente con Vida na Rede é que os artigos da web teñen unha valoración moi positiva por parte dos usuarios, “cunha media de 4 puntos sobre cinco posibles”, afirman os seus reponsables.

PUBLICIDADE