A web Emprendia achegará servizos de teleformación e consultoría

luns, 11 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Emprendia, a web da Universidade de Santiago dedicada ás novas iniciativas de mercado e á transferencia de tecnoloxía, vén de abrir unha nova andaina na Rede. Nesta nova etapa, informan os responsables da publicación en liña, poranse en xogo unha serie de melloras a ter en conta, como por exemplo un servizo de consultoría en liña e outro de aprendizaxe a distancia (e-learning), entre outras incorporacións. A nova web, que con tódolos esforzos despregados non inclúe versión en galego (cousa que agardamos que se solucione en breve), foi dada a coñecer no Reitorado da Universidade de Santiago nun acto que contou coa presenza de Juan Casares Long, reitor da USC, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Lourdes Arana, e máis o director de Uniemprende, Carlos Hernández.
Emprendia, creada en 2003 ao abeiro da Universidade e co obxectivo de consolidar unha canle para a comunicación sobre emprendemento e innovación, conta a día de hoxe cunha taxa de visitantes mensuais de 25.000.
As novidades presentadas este luns son o froito dun obxectivo marcado en 2010: o de posibilitar un chimpo cualitativo da web en materia de recursos de valor para persoas emprendedoras e axentes ligados ao ámbito dos tecidos produtos innovadores e do investimento.
Segundo informa a USC, entre as seccións xa existentes de novas e recursos estréanse novas funcións como son a con os devanditos servizos de teleformación, consultoría ou, tamén, unha mediateca en liña.
Polo que respecta ao labor de consultoría, dicir que permitirá aos emprendedores e aos técnicos e asesores en creación de empresas formular dende a web consultas que serán respondidas individualmente por un experto. “A súa posta marcha vén en resposta das numerosas visitas que universidades de España e Iberoamérica realizan facendo preguntas respecto do emprendemento”, segundo explicou o director de Uniemprende, Carlos Hernández.
No eido da formación, inclúese un acceso a unha aula virtual, onde se impartirán cursos na modalidade e-learning orientados cara a creación de empresas de base tecnolóxica e transferencia de coñecemento.
Pola súa banda, a mediateca de Emprendia incluirá cada semana novos vídeos, charlas, conferencias e cursos impartidos por emprendedores.
Todas as melloras, engade a USC, incorporaranse a unha nova plataforma web, deseñada acorde coas filosofías actuais da web 2.0. Así, terá presenza nas redes sociais Facebook, Linkedin e Twitter, actualizadas decote, “creando unha comunidade máis dinámica e interactiva”.

PUBLICIDADE