A web Alerta-Antivirus anuncia o seu peche

mércores, 2 de decembro do 2009 Raquel Noya

O portal Alerta-Antivirus, unha páxina que nos últimos anos chegou a convertirse nunha ferramenta de referencia á hora de atopar respostas a todo tipo de problemas relacionados coa seguridade do noso ordenador, tales como virus, malware, spam… e en xeral todo aquelo que nos fai castañexar os dentes cada vez que entramos en sitios de dubidosa legalidade, vai pechar definitivamente neste mes de decembro para diversificar a súa temática e ofrecer un mellor servizo aos internautas.
A web, que ofrecía ferramentas e información de utilidade sobre como actuar en caso de ter algún problema cos nosos dispositivos, deixará de concentrar toda a información nunha sola páxina para especializar os seus contidos e separalos en función da súa complexidade.
Deste xeito, os usuarios con máis coñecementos técnicos e as empresas terán á súa disposición a páxina de INTECO-CERT, que asumirá a parte máis técnica e que seguirá a recibir os avisos de problemas que antes ofrecía Alerta-Antivirus.
Ademais, esta web, que tamén conterá información sobre calidade do software ou televisión interactiva entre outras cousas, ofrecerá estudos e informes, así como guías e manuais que axudarán aos profesionais no seu traballo diario á fronte dalgún aparello informático.
Por outra banda, para os usuarios menos técnicos, os deseñadores da web pensaron na Oficina de seguridade do internauta, que ofrece consellos sobre seguridade, así como información sobre software para navegar e traballar de maneira segura cos equipos das nosas casas.
Segundo indican os seus responsables, esta web será “interesante para os usuarios máis novatos pola súa orientación divulgativa sobre algunhas cuestión que poden abrumar aos usuarios menos versados en cuestións de seguridade”.

PUBLICIDADE