A volta das vacacións incrementa o risco de adicción ao traballo e as novas tecnoloxías

martes, 6 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Segundo recentes estudos da plataforma Adiccións Dixitais, arredor do 12% dos traballadores galegos son adictos ao traballo. Esta porcentaxe, preocupante segundo o punto de vista de quen mira (a familia do adicto versus o empresa que lle dá traballo), increméntase cada ano debido, entre outras cousas, á concorrencia duns ingredientes que, para entendérmonos, fan máis potente e aditiva a fórmula: as novas tecnoloxías e as redes sociais. Falamos de cousas cada vez máis presentes no noso día a día laboral, mesmo como ferramentas xa imprescindíbeis xa para o desenvolvemento do mesmo. O resultado: unha longa ringleira de persoas que non poden ter unhas vacacións de xeito, cun ollo na paisaxe que teñen diante e con outro no dispositivo móbil para ver como vai o máis recente proxecto de negocio.
Segundo sinala a devandita plataforma, coa volta dos días de lecer, este mes de setembro, a situación agrávase, xa que se recuperan algúns dos malos hábitos que puidemos deixar atrás durante o verán. Estas teimas, infórmase, poden causar certos trastornos profesionais ou persoais, xa que se materializan nunha imposibilidade de deixar atrás a xornada laboral unha vez que o tempo de traballo remata e lle damos as costas á porta da oficina. Os sinais son claros: unha excesiva atención ao móbil e a toda a tecnoloxía que as empresas, cada vez máis, poñen ao alcance dos traballadores para contar con eles en todo intre e en todo lugar, sinala a plataforma.
Algúns”, engádese, “atopan como escusa que o traballo lles provoca ledicia; de feito, segundo a enquisa Adecco sobre ledicia no traballo, o 78,1% dos traballadores galegos son felices no seu traballo, non variando moito esta taxa do promedio realizado a nivel nacional”. As consecuencias de levar todo isto moi lonxe e alén do razoábel, salvando as distancias, son semellantes ás que pode provocar unha droga. Segundo apunta Juan Romero, socio fundador da plataforma, “esta adicción pode ser tan extrema que ao chegaren á casa estas persoas esquecen todo agás o seu traballo, cando debería ser ao revés”.

PUBLICIDADE