A viguesa Citious participará no Campus de Google en Madrid

venres, 10 de xullo do 2015 Redacción

A startup viguesa Citious, creadora da aplicación do mesmo nome destinada a facilitar mensaxería instantánea de atención ao cliente, vén de ser seleccionada para participar no certame Google Campus@exchange, que se vai celebrar do 13 ao 17 de xullo en Madrid. A participación neste evento da firma galega, unha das iniciativas impulsadas na segunda edición da aceleradora VíaVigo (Consorcio da Zona Franca), implica que a empresa da nosa terra terá espazo de seu entre as oito firmas B2B máis salientábeis e de meirande proxección do ámbito estatal.
Segundo informan dende VíaVigo, Citious foi posta en marcha por Jorge J. Rodríguez Núñez e Pablo Gutiérrez Alfaro. No Campus de Google, engade a aceleradora, estes emprendedores vigueses terán agora a oportunidade de aprender dos mellores profesionais e poderán presentar o seu proxecto ante unha gran cantidade de clientes potenciais. Nesta liña de destacar as oportunidades da cita sitúase Pablo Gutiérrez, director executivo da nova firma galega e enxeñeiro informático formado no Campus de Ourense (Uvigo), que destaca que “a selección e participación de Citious neste programa converteuse nunha gran oportunidade de crecemento”.
A tecnoloxía desenvolvida por Citious permite que clientes e empresas poidan comunicarse de maneira cómoda, rápida e personalizada baseada nas novas aplicacións de mensaxería instantánea. Segundo explican Jorge e Pablo, “o obxectivo é dar un paso adiante na atención tradicional aos clientes adaptando as actuais formas de comunicación ás súas necesidades; para isto ofrecemos ás empresas a súa propia aplicación de mensaxería instantánea para que os usuarios dos seus servizos e produtos se comuniquen con eles de xeito cómodo, doado e rápido”.
Respecto do Campus de Google en Madrid, lembrar que a axenda do encontro inclúe un curso intensivo de dirección empresarial no que os emprendedores poderán asistir a charlas e obradoiros impartidos por profesionais de Google e por expertos externos en materias como desenvolvemento de negocio, mercadotecnia ou tecnoloxía.

PUBLICIDADE