A viguesa Bricolaris.com pon en marcha un concurso de vídeos na Rede

venres, 11 de novembro do 2011 Raquel Noya

Co principal obxectivo de promover a creatividade dos mozos e mozas do noso país e potenciar o talento que posúen a gran maioría deles, a tenda virtual de bricolaxe viguesa, Bricolaris.com, vén de por en marcha o I Concurso de Vídeos Constrúe o teu mundo, que organiza Bynet e que outorga 1.200 euros ao proxecto máis orixinal e creativo.
Din dende a entidade que “os mozos e mozas creadores son os músculos que moven a nosa economía”, polo que este proxecto de Bricolaris.com vénlle como anel ao dedo para darlles un pequeno empurrón ás súas ideas, e facer que broten na Rede para dalas a coñecer alén das nosas fronteiras.
O que teñen que facer os interesados en participar é gravar un vídeo de promoción para a marca, que non fraquee en creatividade nin en enxeño, e subilo a Youtube; posteriormente deben enviar a ligazón do vídeo, xunto cos seus datos de contacto a redaccion@bynet.es.
Na valoración dos traballos, o xurado terá en conta sobre todo a orixinalidade e a capacidade viral dos mesmos, tendo tan só que cumprir tres requisitos: ter sempre unha relación directa ou alusión recoñecible á marca Bricolaris.com, que non exceda dos 3 minutos de duración e que presente unha calidade mínima aceptable.

PUBLICIDADE