A versión web do Office de Microsoft permite editar documentos a varios usuarios á vez

xoves, 7 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Durante bastante tempo a principal plataforma ofimática que permite colaborar a varios usuarios en liña é a ofertada por Google, pero Microsoft quere aproveitar o seu dominio no escritorio para trasladar o éxito á web, e actualiza as súas aplicacións web ofimáticas para permitir a edición simultánea de documentos por parte de varios usuarios. Deste xeito, varios usuarios poderán crear e modificar documentos de Word, Excel ou PowerPoint á vez, podendo ver os cambios que fan nos documentos outros usuarios, véndose os cambios realizados polos distintos usuarios segundo se van realizando.
Office Web Apps leva tempo ofrecéndose como un bo xeito de acceder ás ferramentas ofimáticas de Microsoft a través da web, o que facilita que poidamos acceder e modificar un documento aínda que esteamos nun ordenador sen o Microsoft Office instalado e, máis recentemente, para poder facer tal dende smartphones e tablets.
Esta solución tamén funciona fóra de liña, de xeito que cando o usuario que está a realizar un cambio recupere a conexión, os cambios efectuados sincronizaranse para poder ter sempre os documentos á última.

PUBLICIDADE