A versión web de Skype permite realizar chamadas telefónicas

luns, 14 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A aplicación de Skype para web continúa a mellorar, para facilitar o uso do servizo de mensaxería de Microsoft onde non está a aplicación de Skype instalada e, aparte de facilitar as conversas de chat, de voz e vídeo, agora anuncian unha interesante actualización na que facilita tamén a realización de chamadas a liñas telefónicas móbiles ou fixas para o que hai que contar con saldo na nosa conta de Skype, con prezos que para comunicacións internacionais poden considerarse bastante asumibles.
Outras novidades que incorpora a versión web de Skype é a posibilidade de reproducir vídeos de YouTube directamente nas conversas de Skype (sen ter que saír da páxina web), engadir a novas persoas a unha conversa aínda que non sexan os nosos amigos en Skype (xa que poden acceder ao servizo vía web a través dunha ligazón que se xera para tal fin) e recibir notificacións (para non perder mensaxes dunha conversa aínda que esteamos a visitar outra páxina web ou empregando outra aplicación, xa que mentres continuemos identificados na versión web de Skype recibiremos notificacións da aplicación).

PUBLICIDADE