A venda de cancións en liña superará á distribución de CDs en 2012

venres, 15 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O negocio da Rede é grande, e se até a de agora non houbo cifras reais que desen conta do conseguido, se cadra é porque o acadado indirectamente é dunha envergadura tal, que para calquera analista de medios é mellor pasar a outra cousa se quere gozar dun pouquiño de tempo libre á semana. Leas aparte, e por moito que lle doa ao Goberno, a Rede fai negocio pola música, non só porque a través dela coñecemos hoxe a unha boa parte dos grupos que escoitamos nos concertos, senón porque –cómpre lembralo- dá acubillo a música para mercar. Segundo se conta nun estudo feito pola firma Forrester e reflectido en alt1040, en 2012 a venda de cancións pola vía do dixital superará por vez primeira á que se fai a través de CDs.
O informe, que salienta por poñer de manifesto unha realidade á que non todas as administracións lle fan seguimento (que a xente usa a Rede para intercambiar música, pero tamén para mercala), revela que a baixada na compravenda de CDs é un feito ben visible dende hai anos, pero que nos últimos tempos está a coller velocidade. A razón principal: os nosos hábitos van mudando, e non hai case nada que lle poida poñer freo a iso. Segundo sinala Forrester, conseguir música na Internet non só é doado, senón que tamén moito máis cómoda de empregar e de carretar. O principal atranco para un medre definitivo, sinálase, é que o abano de tendas en liña non é moi elevado no que a calidade e cantidade de oferta se refire.

PUBLICIDADE