A velocidade da Internet móbil, cuestionada por unha boa parte dos usuarios

venres, 9 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Semella que a Internet móbil aínda non achega o mesmo nivel de satisfacción cá que subministran os computadores fixos. Sexa porque a situación é distinta perante a un dispositivo que carretamos connosco (a vida na rúa require outro ritmo, e as pausas que dedicamos a baixar información pola rede están máis condicionadas aos amigos que van aparecendo no camiño ou a un semáforo en verde que nos obriga a botar a correr), sexa por outro motivo, o caso é que segundo a enquisa feita pola firma Gomez e reflectida polo blog da CMT, máis da metade dos consumidores dos devanditos servizos (o 58%) xa demanda polo menos a mesma velocidade de acceso móbil cá que se obtén a través dos equipos tradicionais.
Para facérmonos unha idea do que isto significa, dicir que unha taxa semellante sufriu problemas para acceder a algunha páxina dende o seu móbil, circunstancia que deixa ao 40% destes usuarios ás portas dunha nova empresa na que petar.
En termos concretos, a metade dos usuarios non lle concede a unha páxina web máis de 10 segundos para que se cargue. A partir de aí, cumpriría dedicarse a outra cousa, afirman. Nesta liña informativa de dar conta da diferenza de esixencias entre un servizo e outro, tamén se sitúa unha enquisa feita por Nokia Siemens na que se especifica que o 22% das persoas que empregan os devanditos terminais están menos satisfeitos coa súa conexión de banda larga móbil que coa fixa. Entre o feixe de cousas que máis carraxe provoca entre os usuarios sitúase a imposibilidade de ver vídeos en streaming, a velocidade de subida, a velocidade de descarga e máis a estabilidade da conexión a Internet.

PUBLICIDADE