A unidade PsiCom (USC) reforzará con tecnoloxía de seu a teleasistencia aos nosos maiores do rural

luns, 25 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Xesús Varela Mallou, director de Miavizor / Foto: ECG

A Universidade de Santiago deu a coñecer este luns que achegará tecnoloxía de seu na mellora da atención a distancia aos nosos maiores. Trátase, máis polo miúdo, de pór a disposición de 500 fogares da nosa terra a ferramenta-proxecto chamada MiAvizor, que consiste nun sistema de teleprevención deseñado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom) da USC, materializado en orixe para o seguimento e control das persoas de idade que viven soas en áreas do rural. Pois ben, a achega desta tecnoloxía collerá corpo a través dun acordo da USC coa Fundación Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, que anunciou este luns a súa adhesión ao proxecto. O obxectivo, como dixemos, é dar servizo a 500 fogares de preto de 150 concellos de Lugo e Ourense. Cóntase para isto coa colaboración da Consellería de Traballo.
O reitor Juan Casares e a conselleira de Sanidade e presidenta do Padroado da Fundación 061, Rocío Mosquera, deron este luns os detalles do seu vindeiro esforzo conxunto para a implantación de MiAvizor co piloto Vixía nos concellos de Lugo e Ourense. O acordo suporá a instalación nos enderezos ligados a MiAvizor dun dispositivo con feitura de medallón ou pulseira cun premedor cuxa activación, en caso de emerxencia, orixinará a marcación automática do número 061. “Nos casos en que se produza esta alerta, un/unha teleoperador/a de 061 fará unha chamada de contacto protocolizada ao teléfono de referencia da persoa que xerara a alarma co obxecto de confirmar a localización, identificar o motivo da alerta e clasificala, co fin de tomar as decisións oportunas sobre a atención sanitaria a administrar”, informaron. No acto de presentación tamén participou o coordinador do proxecto, o profesor e director de PsiCom Jesús Varela Mallou, que explicou que MiAvizor é un desenvolvemento intelixente integrado por sensores sen fíos instalados no fogar “que analiza de forma autónoma e automática a rutina da vida diaria dunha persoa, chegando a establecer perfís e hábitos de vida que se utilizan para o seguimento e monitorización da persoa maior no fogar”. Entre os puntos a salientar desta iniciativa, sen dúbida cómpre citar o seu carácter de inmediata. De feito, calcúlase que o vindeiro mes xa estarán cubertos 250 fogares de persoas que viven soas, para entre maio e xuño alcanzar a totalidade dos 500 domicilios que este sistema de teleprevención quere acadar. MiAvizor afianzarase ata decembro de 2015 en 500 fogares das provincias de Lugo e Ourense, concretamente na zona central, sur e na montaña luguesa, así como no Miño central, comarca de Valdeorras e Terras do Sil. O sistema naceu, de xeito específico, para o seguimento das persoas que viven soas os seus domicilios, achegando capacidade de análise en tempo real, en alerta as 24 horas tódolos días do ano. Así, en caso de accidente, o sistema avisa a un familiar ou a un profesional médico de xeito automático.
MiAvizor non require obras nin acondicionamentos específicos, nin tampouco despregue de fíos, xa que todos os sensores son sen fíos. “Mediante os sensores instalados na vivenda, MiAvizor aprende e analiza cada movemento da persoa dentro do seu fogar, ata coñecer os seus hábitos e rutinas”, explica o profesor Jesús Varela. E engade: “A base central recibe a información destes sensores para procesala e analizala grazas aos seus algoritmos de intelixencia e así poder realizar un primeiro diagnóstico en tempo real; estes algoritmos baséanse en regras do comportamento e teoremas xa existentes así como na experiencia de PsiCom no estudo do comportamento”.

PUBLICIDADE