A triloxía de literatura fantástica As Crónicas de Landereina xa ten web de seu

martes, 9 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

A Editorial Galaxia vén de lanzar unha web específica adicada a unha das grandes sensacións da tempada en materia de literatura galega, non só pola cantidade de vendas que está a xerar, senón tamén (e sobre todo), polos valores intrínsecos da mesma e mailo seu compoñente de innovación dentro dun panorama, o das nosas letras, ao que aínda lle fican pendentes certos camiños de exploración. Como por exemplo as viaxes, a literatura do mar (non abondan os libros galegos sobre o mar, malia a nosa longa tradición mariña) ou, en relación á achega que nos ocupa, a literatura fantástica. E fantástica é, en todo o sentido do termo, a triloxía As Crónicas de Landereina, da escritora galega Sabela González, que agora ten, como dixemos, web de seu.
Trátase pois dunha páxina centrada en informar dos tres libros que constitúen as Crónicas, cuxa primeira entrega (Bágoa de lúa) saíu do prelo hai só unhas semanas e xerou, dende aquela, todo un acontecemento de vendas. Na web en cuestión, informa Galaxia, os lectores e lectoras poderán acceder a toda a información que está a xerar esta primeira novela, aos mapas da xeografía do reino de Landereina, a unha relación completa de todos os personaxes (a súa vida, relación con outros personaxes, etc.), información sobre a autora, galería fotográfica, etc. Trátase, engade o selo galego, “dunha poderosa web que permitirá seguir gozando, máis aínda, do marabilloso mundo literario creado por Sabela González neste o seu primeiro libro de debut, dos tres que conformarán unha triloxía que xa está a conmocionar a literatura galega neste xénero de fantasía”.
Biografía de Sabela González achegada por Galaxia
Sabela González naceu en Burela en 1981 e non tardou moito en decidir que quería ser escritora. Mentres o soño agardaba entre ducias de cadernos, mudouse a Vigo e estudou tradución e máis un máster en edición.
Na actualidade, traballa na Universidade de Vigo e conseguiu o grande logro de atopar tempo para adicalo ao que sempre quixo facer: escribir. Blogueira afeccionada, debuxante empedernida e poeta esporádica, comparte as súas creacións no blog Gramática de corpos.

PUBLICIDADE