A transformación dixital como motor de recuperación turística foi un dos eixes do II Loop Congress React

mércores, 16 de xuño do 2021 S. P.

Os clústeres galegos TIC e de Turismo celebraron en formato presencial (na Cidade da Cultura) e en streaming a segunda edición da Xornada de Turismo e Tecnoloxía Loop Congress React. Os fíos condutores do evento foron as fórmulas para acadar a sustentabilidade e a transformación dixital. Segundo coincidiron as relatoras e relatores, estes son os mecanismos para conseguir a reactivación turística post-COVID. Participaron preto de 100 profesionais.
O Loop Congress contou con dous relatores de referencia: Yolanda Perdomo, que foi directora da Organización Mundial do Turismo e viceconselleira de Turismo das Illas Canarias, entre outros organismos, e que conta con máis de 20 anos de experiencia no sector en áreas como o desenvolvemento de produto, xestión de destinos sustentábeis, mercadotecnia e modelos de gobernanza público-privada; e Diego Antoñanzas de Toledo, experto en construír marcas co uso dunha comunicación orixinal e disruptiva e que a día de hoxe centra o seu traballo no eido do adestramento empresarial e profesional.
Yolanda Perdomo, no seu relatorio sobre tendencias, oportunidades e novos modelos de negocio na era post-pandémica desde unha perspectiva de destino, falou da “necesidade dun novo modelo de goberno, que fomente a colaboración público-privada, e fortaleza o sector turístico desde criterios de sustentabilidade”.
Pola súa banda, Diego Antoñanzas explicou aos participantes en Loop Congress como reconquistar aos clientes coa transformación dixital e convidounos a “non parar, a ter unha actitude react, a reconstruír sen esperar a que chegue iso que chaman nova normalidade”. Amais, tentou espertar conciencias tecnolóxicas coas novidades do sector e coa necesidade de abrir a mente a experiencias que reporten felicidade: “A nosa marca non é o que nós contamos sobre ela senón o que os nosos clientes contan dela”, dixo.
O Loop Congress acolleu tamén unha presentación de Turislab, a primeira aceleradora de empresas de turismo de Galicia, a cargo do seu director, David Villar; e un panel interactivo no que participaron empresas representantes do sector con Yolanda Perdomo e Diego Antoñanzas. Tamén interviñeron na xornada o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal; e o vicepresidente de pemes do Clúster TIC de Galicia, Santiago Paz Noya. A xornada foi clausurada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacando “o papel da tecnoloxía na recuperación do turismo” e o valor da análise de información a gran escala, o que se coñece como Big Data, no desenvolvemento do sector.

PUBLICIDADE