A trama de chips espía destapada por Bloomberg sería unha invención

martes, 11 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Hai un par de meses Bloomberg Businessweek chamaba a atención do mundo cun escándalo que sería a meirande intrusión informática da historia, consistente en camuflar diminutos chips espía en placas base de equipos informáticos de compañías como Apple e Amazon, o que facilitaría aos servizos de información chineses o acceso a valiosos segredos corporativos.
O curioso desta impresionante investigación de Bloomberg, apoiada en múltiples fontes, é que en todo momento foi rexeitada polas empresas involucradas dun xeito moi tallante, e no caso de Apple chegáronse a debullar importantes erros na información, que parecían apuntar a que todo trabábase de comentarios realizados sobre información de ouvidas, polo que a fiabilidade sería moi discutible.
A empresa raíz desta suposta ameaza de seguridade informática sería o fabricante de hardware Super Micro Computer Inc, que inicialmente só aseguraba ignorar a información desvelada por Bloomberg e, tras contratar unha investigación externa (a Nardello & Co), confirmou que non se atoparon evidencias de hardware malicioso nas súas placas bases actuais e pasadas. Temos aquí a negación definitiva do amplo artigo de Bloomberg, que quedaría en evidencia ao carecer de fontes públicas que poidan ratificar as afirmacións realizadas.
Dado que Apple, Amazon e representantes de Reino Unido e EE.UU. negan a información relativa a ataques informáticos a partir de placas de Super Micro, e un dos poucos expertos recoñecidos por Bloomberg declarou que sacaron os seus comentarios de contexto (confundido conceptos teóricos coa realidade), carecendo de sentido a explicación do hackeo que sostén a publicación norteamericana (ou sexa, que os chips espía son posibles, pero non do xeito relatado), só queda agora esperar a unha rectificación de Bloomberg, compañía que tería danado gravemente a súa reputación ao expor publicamente unha información máis preto da ficción que da realidade.

PUBLICIDADE