A terceira tempada de Destelo.gal encherá as redes de música galega

xoves, 25 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O portal de sesións musicais acústicas na nosa lingua, Sesións Destelo, comezou a súa terceira tempada dende o recanto dixital de costume, Destelo.gal. A estrea vén da man do grupo vigués de garaxe-punk Bakarrá!, que pon a primeira pedra da nova tempada cun semi-acústico que se verá completado en semanas vindeiras con outras cinco actuacións únicas en localización singulares (e inesperadas) da nosa terra. Así nolo conta o responsábel do proxecto, Miguel Grandío, que lembra que os vídeos da iniciativa xa sumaron 8.000 reproducións no YouTube.
Os obxectivos para esta nova andaina son os mesmos pero reforzados e actualizados. “A nosa idea”, explica Miguel, “é ofrecer unha versión dun tema e dun concerto que sexa diferente á que o público pode atopar nas salas de concertos ou nos festivais, e todo iso dende a comodidade da pantalla dos seus computadores ou teléfonos intelixentes”.
Destelo.gal, un proxecto sen ánimo de lucro que naceu coa arela de “potenciar o uso da lingua galega na música e derrubar algúns prexuízos aínda existentes a ese respecto”, porá en xogo outras novidades que van alén do que é estritamente musical, por exemplo a achega dun mapa que xeolocaliza as sesións xa gravadas e onde irán aparecendo as que están por vir. “Desta volta podemos confirmar que acabarán tendo representación as catro provincias galegas”, engade Miguel.
Dous anos de Sesións Destelo
As Sesións Destelo están a piques de cumprir dous anos na Rede axudando aos e ás melómanas a descubrir proxectos musicais en galego. Neste tempo os seus vídeos acumulan arredor de 8.000 reproducións na súa canle de YouTube e por diante das súas cámaras pasaron dende grupos históricos, como Ruxe-Ruxe, até bandas moi novas que amosaron ao mundo por primeira vez o seu talento grazas a este proxecto. Respecto do futuro, porase o foco no crecemento das comunidades de Youtube, de Destelo.gal e das súas presenzas nas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter), onde ademais de anunciar a saída dos novos vídeos irase compartindo contido adicional das gravacións e novas relativas á música galega.

PUBLICIDADE