A terceira edición do Galicia Open Future de Telefónica abre prazo de inscrición

mércores, 16 de marzo do 2016 Fernando Sarasketa

A terceira edición do Galicia Open Future xa está á volta da esquina e Telefónica vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para participar nela, que se estenderá até o 15 de abril. Este proxecto tradúcese nun centro de emprendemento galego impulsado en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, achegando a posibilidade a 50 proxectos empresariais innovadores de desenvolver a súa idea. Volvendo á inscrición, as empresas e profesionais interesados en formar parte de Galicia Open Future poden presentar as súas candidaturas (dende hoxe até o 15 de abril) cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na web do evento. No mes de maio daranse a coñecer os 50 proxectos elixidos para formar parte desta terceira convocatoria.
Cómpre dicir que o programa, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, ten unha duración inicial de seis meses (prorrogábeis en períodos de 3 meses). Os emprendedores recibirán formación e adestramento adaptados ás diferentes etapas do seu proxecto (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e do seu modelo de negocio.
A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) outorga unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados, e a través da plataforma web poderán entrar en contacto con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa Open Future de Telefónica, cuxa finalidade é conectar a emprendedores, startups, investidores, organizacións públicas e privadas a nivel mundial.
Emporiso, superada a primeira fase de formación, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores segundo a súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, amais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial. Recibirán unha achega de até 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberán destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Asemade, poderán acceder tamén a un empréstamo reembolsábel concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.

PUBLICIDADE