A terceira edición de BFAero acadou máis de 85 candidaturas

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

Até 85 proxectos do sector aeronáutico e do ámbito UAV optan a integrarse na terceira edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o IGAPE ao abeiro do polo aeroespacial de Galicia, co obxectivo de impulsar novas e prometedoras contribucións á mobilidade aérea intelixente e non tripulada. Segundo informa a axencia, o peche do prazo de solicitudes confirmou que a iniciativa foi quen de bater un récord de participación, duplicando practicamente a cifra acadada nas dúas anteriores convocatorias, nas que se inscribiran 54 e 40 proxectos, respectivamente. Este ano, amais dun bo número de propostas galegas, tamén se rexistrou unha importante cifra de proxectos de fóra, e incluso internacionais.
Dos 85 proxectos seleccionábeis, 27 son galegos (11 da provincia da Coruña, 9 de Pontevedra, 6 de Lugo e 1 de Ourense), 52 proceden doutras provincias españolas (19 de Madrid, 5 de Asturias, 3 de Barcelona, Valencia e Zaragoza, 2 de Gipuzkoa, A Rioxa, Málaga, Valladolid e Tarragona e os restantes de Albacete, Alacante, Almería, Castellón, Granada, Navarra, Salamanca, Santa Cruz de Tenerife e Sevilla) e 6 deles veñen de fóra de España (dous de Portugal e os catro restantes de Arxentina, Chile, Cuba e Francia).
Por modalidades de proxectos, 50 deles están nunha fase inicial e polo tanto optan ao programa de incubación e 35 queren entrar no programa de aceleración. As áreas temáticas máis presentes nas ideas rexistradas son a relacionada co deseño e produción (24%), a de obtención de datos e información con drons (20%), a de tecnoloxías habilitadoras (13%) e a de automatización (13%). GAIN e o IGAPE engaden que a maiores hai tres proxectos que se sumaron á nova área temática incluída este ano para solución contra a COVID-19 a través de vehículos non tripulados.
Máis dun cento de candidaturas
A axencia explica tamén que este ano participaron no proceso de inscrición máis dun cento de candidaturas, sendo as devanditas 85 as que “cumpren con todos os requirimentos”. O seguinte paso é seren avaliadas polo comité executivo de BFAero. Só sete obterán finalmente unha praza para participar no programa, tres delas en incubación e catro en aceleración.
Aberta a votación popular na web da aceleradora
Amais, até este xoves 29 ás 14.00 horas estará aberta a votación popular en www.bfaero.es para que o público poida elixir os seus proxectos favoritos. As dúas propostas que obteñan máis votos pasarán á última fase de selección e poderán defender a súa idea ante o comité executivo xunto cun mínimo doutras dez candidaturas que superarán este primeiro peneirado.
“Os resultados desta terceira edición confirman o auxe e interese que esperta un sector tan específico como o da aeronáutica e os vehículos non tripulados”, lembra as entidades impulsoras da aceleradora, salientando o feito de que en apenas dous anos, BFAero lanzase tres convocatorias nas que se presentaron case duascentas candidaturas, 89 delas procedentes de Galicia”.
Ecosistema BFAero
As sete startups que sexan seleccionadas sumaranse ao ecosistema de BFAero xunto coas doce empresas xa impulsadas nas dúas anteriores edicións e recibirán un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 12 meses. Así, terán á súa disposición titorías e asesoramento con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da Civil UAVs Initiative, oficina propia e espazos para realizar coworking e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.
Apoio económico
Os proxectos admitidos na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta. En concreto, accederán a un financiamento de ata 50.000 euros a fondo perdido por proxecto. A maiores optarán a un apoio financeiro en forma de préstamos de Indra (a través de Indraventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración, préstamos convertibles e tecnoloxía a cambio de capital (Tech4Equity). Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros da Xunta de Galicia a través de XesGalicia.
A Businness Factory Aero, impulsada pola Xunta, acolle as empresas nas súas instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo. BFAero é un proxecto de equipo: aos membros da Xunta, que inclúen a a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o IGAPE e XesGalicia, súmanse colaboradores de relevancia para garantir o éxito da iniciativa: empresas tractoras líderes do mercado no sector como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), pequenas e medianas empresas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, entidades como o Consorcio Aeronáutico de Galicia e xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas.

PUBLICIDADE