A terceira Bolsa Nacho Mirás impulsará a innovación xornalística galega

xoves, 26 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Un ano máis, e xa van tres, imos ter Bolsa Nacho Mirás para impulsar proxectos innovadores de comunicación de novas e novos tituladas/os en Xornalismo. A terceira edición da bolsa foi dada a coñecer hoxe polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na Facultade de Ciencias da Comunicación da Santiago, colaboradora da iniciativa. Esta, que conta co patrocinio de ABANCA, ten unha dotación de de 6.000 euros. Os proxectos impulsados até o de agora teñen en común a procura de novos achados dixitais para a nosa cultura: tanto as propostas gañadoras da primeira edición (Mediamapa.gal, o mapa interactivo destinado a cartografar os medios galegos, e a iniciativa multimedia Punto e volta sobre música e baile tradicional galegos) como a da segunda (o documental interactivo Feira, con presenza de seu en feira.gal).
Abriu o acto Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, lembrando a figura de Nacho Mirás, un profesor que “innovou na forma de ensinar” e ao que pola súa pegada se lle dedicou unha aula na Facultade. Xosé Manuel Pereiro, vicedecano do dito Colexio, salientou que a Bolsa Nacho Mirás para novos titulados brinda a oportunidade de dar os primeiros pasos na profesión xornalística “cun apoio que non é só económico, senón que significa tamén un abeiro para a posta en marcha de novos proxectos”.
O acto acolleu tamén a presentación da iniciativa gañadora da pasada edición da Bolsa Nacho Mirás, o devandito audiovisual interactivo Feira, un documental innovador sobre a feira na Galicia contemporánea. Jorge Vázquez Herrero presentou o proxecto que co-dirixe xunto a Laura Santos Esmorís e destacou que “esta bolsa é unha oportunidade excepcional que xurde no momento xusto para pór en marcha proxectos, nada mais rematar a carreira”.

PUBLICIDADE