A bolsa Nacho Mirás recoñece dous destacados proxectos dixitais: Mediamapa.gal e Punto e volta

xoves, 21 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

O xurado da bolsa Nacho Mirás para novos titulados de Xornalismo vén de dar a coñecer os seus premiados. Trátase, en primeiro lugar, do proxecto tecnolóxico-dixital Mediamapa.gal (mapa interactivo destinado a cartografar os medios galegos) e, a maiores, da iniciativa multimedia Punto e volta (sobre música e baile tradicional galegos). A dita bolsa vén da man do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e conta co patrocinio de Abanca e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Cada un destes proxectos recibirá 2.500 euros para o seu desenvolvemento. O xurado estivo formado por tres membros da xunta de goberno do CPXG (Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario), un representante de Abanca, Isaac González; un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé López; e tres xornalistas en activo: Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela.
Segundo informa o Colexio de Xornalistas, Punto e Volta é “un proxecto multimedia que busca explorar as mudanzas sociais que experimentou a transmisión interxeracional da cultura popular galega a través de dúas das súas principais expresións: a música e o baile tradicionais”. Este proceso, engade o Colexio, contarase través “das historias das propias persoas que protagonizaron esa mudanza, membros de distintas xeracións, mediante reportaxes, entrevistas e videoclips accesibles na páxina web e as redes sociais”. Alejandro Gándara Porteiro é o coordinador deste proxecto no que tamén participan David Fontán Bestilleiro, Raquel Pérez Vázquez e Olaia Tubío Rei.
Pola súa banda, MediaMapa.gal quere ser “un sitio web de referencia para coñecer o conxunto dos medios de comunicación en Galicia”. Salienta entre outras cousas por fornecer un mapa interactivo onde os usuarios poderán localizar todos os medios en Galicia, ver as súas características básicas e acceder de xeito directo a eles. “O mapa”, destaca o Colexio, “é un espazo aberto no que calquera usuario é quen de introducir novas iniciativas mediáticas”. Trátase dun proxecto de investigación cuxos resultados publicaranse en aberto e con periodicidade semestral no sitio. Esta proposta foi presentada por María Cruz Negreira Rey.
A bolsa Nacho Mirás para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que en palabras do Colexio “sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador”.

PUBLICIDADE