A tenda en liña desenvolvida por Ayco para Florentino, entre as 30 mellores do mundo

martes, 25 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa galega Ayco, recentemente de festexos polos seus 15 anos de vida, realizou recentemente unha importante actuación de ecommerce para a cadea de moda Florentino, con base central en Lalín en presenza nunha chea de mercado internacionais. Os traballos despregados por Ayco centráronse no desenvolvemento e posta en marcha dunha tenda en liña para a cadea téxtil galega, tenda que pouco tempo despois da súa estrea xa foi seleccionada pola revista GQ entre as trinta mellores do mundo da súa categoría (constituíndose como a única achega galega da devandita listaxe internacional).
A publicación GQ, para dar forma á súa listaxe, realizou unha procura intensiva por todo o eido actual do comercio electrónico e recomendou 30 tendas en liña, entre as que inclúen a da empresa galega, xunto con outras marcas internacionais como Burberry, Bottega Veneta, Tommy Hilfiger, Etro, etc. e españolas como Asos, Laconicum ou Atwendo. A xuízo de Ayco, estamos ante todo un recoñecemento a ter en conta, que “non fai máis que pór en valor o traballo e a dedicación do equipo de Ayco para desenvolver proxectos con gran nivel non só técnico senón tamén de deseño”.
O obxectivo de Ayco ao desenvolver a tenda dixital de Florentino, foi o de “facela totalmente integrada na páxina web www.florentino.com, tamén obra da empresa”. Desta forma, engade a firma, “facilitábase a navegabilidade dos usuarios compaxinando a visita polas diferentes seccións e coleccións, sen abandonar o seu acceso á plataforma de compra”.
Tanto nun espazo coma noutro, coidouse até o máis miúdo detalle, e todo coa idea de “converter a tenda nun escaparate da marca que cinguise un deseño elegante e innovador”. O resultado, agora recoñecido por boa parte do sector da moda, “demostra que as empresas galegas, tanto de tecnoloxía como do sector téxtil, están á cabeza dos seus respectivos eidos de actividade a nivel nacional e tamén internacional”.

PUBLICIDADE