A tecnoloxía invadirá os automóbiles para garantir a seguridade viaria

mércores, 27 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Elżbieta Bieńkowska presentou o novo acordo da Comisión Europea (Parlamento Europeo)

Nos últimos anos a tecnoloxía foi collendo un rol cada vez máis importante na seguridade viaria e, en consecuencia, a Comisión Europea propuxo en maio de 2018 estudar a obriga dalgunhas das medidas de seguridade dos vehículos, incluíndo sistemas que reducen o perigo do ángulo morto ou que avisan ao condutor no caso de somnolencia ou distracción, e finalmente acadaron un acordo político provisorio que levará a que a partires de 2022 sexa obrigatorio que os vehículos europeos estean equipados con novas tecnoloxías de seguridade para protexer a pasaxeiros, peóns e ciclistas.
A comisaria europea de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEME, Elżbieta Bieńkowska asegurou que «coa obrigatoriedade dos novos dispositivos avanzados de seguridade poderemos lograr o mesmo tipo de resultados que cando se introduciu por primeira vez o cinto de seguridade. Moitos dos novos elementos xa existen, en particular nos vehículos de alta gama. Agora estamos a aumentar o nivel de seguridade en todos os ámbitos e preparando o terreo para a mobilidade conectada e automatizada do futuro».
No caso dos turismos, os dispositivos de seguridade que pretenden ser obrigatorios en 2022 serían os de advertencia de somnolencia e distracción do condutor, asistentes de velocidade intelixentes, marcha atrás segura (grazas a cámaras ou sensores), rexistro de datos en caso de accidente (caixa negra), asistencia en caso de abandono de carril, freado de emerxencia avanzada e cintos de seguridade mellorados grazas a probas de colisión. Outra prestación prevista é a posibilidade de instalar nos vehículos alcolímetros que poidan bloquear a posta en marcha de non conseguir un resultado satisfactorio.

A tecnoloxía será o corazón da seguridade viaria na nova proposta da Comisión Europea para 2022

PUBLICIDADE