A tecnoloxía galega VIGÍA quere facilitar o labor dos analistas de redes sociais

luns, 13 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Entre as tecnoloxías de raizame galega que tivemos ocasión de coñecer este verán atópase un recurso que vén moi a conto para os cada vez máis demandados profesionais adicados ao Big Data, a información inxente que non cesa de medrar. Estamos a falar de VIGÍA, un sistema para facilitar a cerna das tarefas diarias dos analistas en redes sociais. A ferramenta en cuestión pode ser integrada en ferramentas de mercadotecnia dixital e ten a capacidade de agrupar de maneira automática mensaxes de contido semellantes en comunidades, permitindo identificar as relacións que hai entre os seus usuarios en base aos seus comentarios e valoracións.
VIGÍA é un proxecto do Centro Tecnolóxico Gradiant e axencia de publicidade en liña Elogia (ambos con sede en Vigo) que responde ao reto de varias cousas en fase acelerada de crecemento: as propias comunidades dixitais (Facebook, Twitter, Facebook, Instagram, YouTube) e, en consecuencia, a información xerada ao seu abeiro. Segundo lembran os responsábeis de VIGÍA para facernos unha idea da envergadura dos datos aos que se enfrontan os analistas, cada día publícanse 500 millóns de chíos en todo o mundo (uns 6.000 por segundo) e só en España existen case cinco millóns de usuarios activos a rede Twitter, o que nos pode axudar a facernos unha idea da cantidade de información que se xera nos medios dixitais.
VIGÍA busca proporcionar un conxunto de tecnoloxías que axuden aos analistas de medios sociais no seu traballo diario, explorando comunidades dixitais de gran tamaño a través do contido xerado polos usuarios que as compoñen. Ademais permite agrupar de maneira moi rápida mensaxes que conteñan contido semellante ver que relacións existen entre os usuarios que os emiten, ademais de detectar cales deles son máis relevantes.
Ademais, VIGÍA procesa gran cantidade de datos e analízaos segundo o seu contexto utilizando tecnoloxías de aprendizaxe profunda (Deep Learning) para o Procesado de Linguaxe Natural (PLN). O sistema extrae información sobre persoas, marcas ou lugares dos textos das mensaxes e agrupa aqueles que mostran semellanzas.
Ademais, engaden Elogia e Gradiant, permite “deducir o sentimento reflectido de cada mensaxe”, todo iso traballando na capa semántica do contido para identificar termos que signifiquen o mesmo malia que non estean escritos coa mesma palabra.
VIGÍA conta co apoio do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial) a través do programa FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

PUBLICIDADE