A tecnoloxía galega Ntouch habilita a función contactless (anti-COVID) en equipos preexistentes

martes, 24 de agosto do 2021 S. P.

Unha das cousas que nos demostrou a pandemia foi a ampla marxe de resposta das nosas empresas innovadoras fronte aos seus principais desafíos. Un exemplo disto é SC Robotics, puxante empresa galega do ámbito da robótida e a Intelixencia Artificial, que creou unha tecnoloxía que nos permite usar máquinas de vending, caixeiros ou ascensores sen tocar teclas nin pantallas. Como informamos en detalle nunha entrevista recente con Xabier Crespo, os primeiros prototipos de NTouch foron feitos durante o confinamento, pero paseniño pero sen pausa os responsábeis da empresa foron quen de achegar unha versión máis profesional para ser fabricada a gran escala.
SC Robotics foi creada en Vigo por tres enxeñeiros de telecomunicacións (Xabier Crespo, Daniel Pérez e Luís Miranda), con máis dunha década de experiencia no mundo da electrónica dentro e fóra de España. Abriron mercado no oeste peninsular, en dous ámbitos fundamentais: creando dispositivos electrónicos a medida para a monitoraxe remota de equipos e deseñando dispositivos sen contacto.
A empresa, segundo nos lembra a Tecnópole, foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole.
Xabier Crespo, socio fundador de SC Robotics, explica á Tecnópole que NTouch ten a vantaxe de conectarse vía USB nos equipos preexistentes, habilitando neles a función de traballar sen contacto. É dicir, “con achegar un dedo ou mover unha man, segundo o caso, a máquina detecta que queremos marcar un número concreto ou pasar a imaxe dunha pantalla”, explican dende a empresa, engadindo que teñen capacidade para “personalizar o produto segundo as necesidades do destinatario”.
Crespo indica que “durante o confinamento estabamos a traballar noutro proxecto e o noso cliente detecta que o contacto físico pode ser un problema. Así que desde as nosas casas desenvolvemos un primeiro modelo, gustoulles e fómolo evolucionando até chegar ao deseño actual, moi distinto ao primeiro prototipo. Sabemos que o mercado está interesado e que os dispositivos para evitar tocar non van ser unha necesidade pasaxeira”.
Segundo engade, a tecnoloxía empregada é nova en si mesma, porque facemos un traballo moi a medida: “As interaccións que permite tamén son bastante innovadoras a nivel de consumidor final, coa excepción do mercado das consolas, que é un sector aparte e non comparábel”.

PUBLICIDADE